Ordes avanza no deseño dun protocolo comarcal de actuación fronte a violencia de xénero

ACoruñaXa
O Centro de Información á Muller (CIM) organizou dúas xornadas de traballo para mellorar a coordinación entre os profesionais dos ámbitos educativo, sanitario, social e de seguridade
protocolo-comarcal-violencia-de-xenero-ordes
17 Oct 2026

A Mancomunidade de Ordes avanzou no deseño dun protocolo de actuación comarcal nos casos de violencia de xénero a través dun programa de acompañamento organizado polo seu Centro de Información á Muller (CIM). A iniciativa desenvolveuse en dúas xornadas de traballo, celebradas o 24 de setembro na Casa da Cultura do Concello de Mesía e o 8 de outubro no Centro Sociocomunitario Isabel Zendal do Concello de Ordes.

Nas sesións participaron profesionais dos ámbitos educativo, sanitario, social e de seguridade que teñen competencias directas ou indirectas na atención ás mulleres que sofren violencia de xénero na comarca. O Obxectivo foi favorecer a coordinación entre os distintos axentes implicados e avanzar na definición dunha resposta conxunta ante estas situacións.

As xornadas contaron coa presenza de Susana García Gómez, presidenta da Mancomunidade de Ordes; Roberto Barbara Alvedro, director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia; Manuela Vilaboy Romero, xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno na Coruña; e Pilar Sánchez Ulloa, concelleira de Igualdade do Concello de Mesía.

O programa foi concedido á Mancomunidade de Ordes pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Loita contra a VIolencia de Xénero, no marco do acordo de colaboración asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a creación dunha Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.

Con esta iniciativa a Mancomunidade de Ordes continúa trabalando para reforzar a colaboración entre os servizos profesionais da comarca, co propósito de mellorar a atención ás mulleres que sofren ciolencia de xénero e avanzar cara unha intervención coordinada e adaptada ás necesidades do territorio.

0.15726804733276