Ordes amplía ata 12 anos o futuro contrato de residuos e eleva un 3,4% as taxas da auga

ACoruñaXa
O Pleno aproba alongar tamén a duración do servizo de limpeza viaria, mentres a oposición cuestiona a calidade da prestación e pide máis control sobre as concesionarias
Imaxe da Casa do Concello de Ordes
1 Oct 2026

O Pleno de Ordes aprobou no mes de setembro a ampliación dos prazos dos futuros contratos de recollida de residuos sólidos urbanos e limpeza viaria, dous servizos que sairán a licitación cunha duración máxima de 12 e 10 anos, respectivamente. A medida contou cos votos favorables do grupo de Goberno, mentres que o resto da corporación votou en contra.

A decisión permitirá ao Concello avanzar na preparación da futura licitación destes servizos. Durante o debate, a oposición reclamou prudencia á hora de establecer contratos de duración excepcionalmente longa e pediu que os períodos previstos estean debidamente xustificados.

A portavoz socialista, Noelia Rivadas, advertiu ademais das queixas acumuladas pola veciñanza sobre o funcionamento do servizo de recollida de residuos. Pola súa banda, o portavoz do BNG, Pablo Vidal, defendeu que Ordes debería apostar pola xestión mancomunada da recollida e transporte dos residuos.

A auga e os sumidoiros subirán un 3,4%

Outro dos asuntos abordados no Pleno foi a actualización das ordenanzas fiscais correspondentes aos servizos de auga potable e sumidoiros. As taxas experimentarán un incremento do 3,4%, equivalente ao aumento interanual do IPC tomado como referencia segundo a vixencia do contrato de prestación do servizo.

Desde a oposición optaron pola abstención. Noelia Rivadas cuestionou o funcionamento do servizo e asegurou que houbo xornadas nas que veciños quedaron varias horas sen subministración de auga.

A socialista reclamou ao Concello que estableza maiores esixencias á empresa concesionaria e pediu información sobre os mecanismos de control e fiscalización aplicados durante a prestación do servizo.

O BNG tamén trasladou a súa preocupación polo estado da rede de sumidoiros, especialmente ante a chegada da época de chuvias.

Novos prezos para os nichos e panteóns

O Pleno tamén aprobou a actualización das taxas do cemiterio municipal do Valado, vinculada á licitación das obras da nova mazá M.

A nova asignación queda fixada en 1.595,61 euros para os nichos e 6.382,42 euros para os panteóns, con concesións por un período de 50 anos.

Neste punto, o BNG optou pola abstención, mentres que o PSdeG-PSOE votou en contra ao considerar elevado o incremento, que rolda os 1.000 euros e supón aproximadamente un 17%.

O alcalde de Ordes defendeu que se aplica a mesma ordenanza utilizada ata agora e explicou que o pagamento poderá realizarse en dúas fases: unha primeira cantidade no momento da reserva e o resto ao finalizar a construción.

Segundo explicou o rexedor, para limitar o incremento das taxas non se repercutiron aos usuarios os custos correspondentes ao terreo nin os gastos de urbanización.

O Pleno rexeita unha moción sobre a AP-9

Na mesma sesión, o BNG presentou unha moción para reclamar ao Goberno galego que apoie a transferencia da titularidade da AP-9 a Galicia e que non poña obstáculos ao proceso.

A proposta incluía tamén a petición de que se garantise que Galicia non tivese que asumir os custos derivados das decisións adoptadas polo Estado durante o período no que tivo a titularidade e xestión da autoestrada.

A moción foi rexeitada cos 9 votos en contra do grupo de Goberno fronte aos 7 votos favorables do resto de forzas políticas con representación no Pleno.

O alcalde de Ordes asegurou que o Goberno municipal comparte a necesidade de transferir a AP-9, pero condicionou o apoio á existencia de garantías para que a operación non supoña un custo para as arcas galegas.

0.83037900924683