Ordes acollerá unha charla informativa sobre o acollemento familiar de menores

O Centro Sociocomunitario Isabel Zendal de Ordes acollerá o venres 20 de novembro unha charla informativa sobre o acollemento familiar en Galicia. A sesión, organizada polo programa En Familia, desenvolverase entre as 19:00 e as 20:30 horas e busca achegar á cidadanía o funcionamento do sistema de protección de nenos, nenas e adolescentes.
O encontro pretende tamén sensibilizar sobre a necesidade de contar con fogares dispostos a acoller menores e ofrecerlles un contorno seguro e protector, no que poidan sentirse queridos, atendidos e escoitados.
Durante a charla explicaranse as principais liñas de actuación do programa e como se desenvolve o acollemento familiar na comunidade galega. As persoas asistentes tamén poderán coñecer a situación actual do sistema de protección e achegarse ás experiencias dos nenos, nenas e adolescentes que viven baixo esta medida.
Información sobre o acollemento familiar
A actividade terá lugar no Centro Sociocomunitario Isabel Zendal, situado na rúa Campomaior, e conta coa colaboración do Concello de Ordes, a Xunta de Galicia, a Mancomunidade de Ordes e a Asociación Cultural Camiño Real de Poulo. As persoas interesadas poden consultar máis información na web.