Ordes abre as inscricións para a escola municipal de fútbol sala e o campus de pretempada de hóckey

ACoruñaXa
O programa de fútbol sala está dirixido a rapaces nados entre 2008 e 2022, mentres que o campus de hóckey celebrarase entre o 31 de agosto e o 4 de setembro para xogadores ata categoría infantil
balon-futbol-sala
21 Jul 2026

O club Jogafan Ordes F.S., en colaboración co Concello de Ordes, abriu o prazo de inscrición para as escolas deportivas municipais de fútbol sala da tempada 2026/2027. A iniciativa está destinada a nenos, nenas e mozos nados entre os anos 2008 e 2022.

A escola contará con sete categorías distribuídas por idades: Biberón (2021 e 2022), Prebenxamín (2019 e 2020), Benxamín (2017 e 2018), Alevín (2015 e 2016), Infantil (2013 e 2014), Cadete (2011 e 2012) e Xuvenil (2008, 2009 e 2010).

A matrícula deberá realizarse de maneira telemática a través da plataforma Cluber. As persoas interesadas poden acceder ao formulario de inscrición mediante o código QR habilitado no cartel oficial, dispoñible nas redes sociais do club e do Concello de Ordes. Para resolver dúbidas sobre horarios, actividades ou tarifas habilitouse o teléfono 608 451 723.

Por outra banda, o club A.C. Ordes mantén aberto ata o 21 de agosto o prazo de inscrición para o Campus de Pretempada 2026/2027 de hóckey, unha actividade dirixida a xogadores e xogadoras ata a categoría infantil co obxectivo de preparar o inicio da nova tempada.

O campus desenvolverase os días 31 de agosto e 1, 2, 3 e 4 de setembro no pavillón Castelao I, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Estará coordinado por José Ramón López Regos, Juan Luís López López e Ana Sanjurjo Losada, coa colaboración de adestradores e xogadores vinculados ao hóckey.

Durante as cinco xornadas impartiranse sesións de tecnificación, patinaxe e habilidades específicas, adestramento para porteiros, táctica e estratexia, preparación física, psicoloxía deportiva, traballo en equipo e cohesión grupal, ademais de competicións e actividades lúdicas.

As prazas son limitadas e as persoas interesadas en participar ou solicitar máis información poden contactar a través do número de WhatsApp 677 368 592.

0.12230610847473