Once establecementos hostaleiros participarán nunha nova edición de ‘Tapeando Carral’ do 4 ao 6 de decembro

Once establecementos hostaleiros participarán do 4 ao 6 de decembro nunha nova edición de ‘Tapeando Carral’, unha iniciativa que busca dinamizar o sector, fomentar o consumo nos negocios locais e dar a coñecer a variedade gastronómica do municipio.
A proposta contará con locais de Carral, Tabeaio, Sergude e Cañás, que elaborarán tapas especiais para a ocasión. Entre as propostas figuran ‘As Deliciosas’, de Boca Grande; ‘Bocado Meloso’, de Pizzería Centro; ‘A Mar de Rico’, de Bar Tropezón; ‘Fabas con xabarín e setas’, de Vinoteca Taberna XXI; e ‘Boliñas de Lourdes’, de Casa Adolfo.
Tamén participarán Restaurante Terra, con ‘Tapa D'Orella’; Taberna Lume e Ferro, con ‘A Fabada do Ferro’; Casa Roel, con ‘Arroz Oriental con Verduras’; A Rotonda, con ‘O Bocado da Aldea’; O'Lareiras, con ‘Cazola de Mar’; e A Parola, con ‘Paraíso Terreal’.
A tenente de alcalde e concelleira de Cultura, Turismo e Comercio, María Isabel López, destaca o valor desta iniciativa para a hostalaría local e anima a veciños e visitantes a participar. ‘Tapeando Carral é unha boa ocasión para coñecer de primeira man a creatividade e o traballo dos profesionais da nosa hostalaría’, sinala, ao tempo que invita a achegarse aos establecementos, probar as súas elaboracións e apoiar un sector fundamental para a actividade económica e social do municipio.
O certame comezará o venres 4 de decembro, de 20.00 a 23.00 horas. O sábado 5, as tapas poderán degustarse de 12.30 a 15.30 horas e de 20.00 a 23.00 horas, mentres que o domingo 6 a última xornada desenvolverase de 12.30 a 15.00 horas.
Premios para o público e os establecementos
A iniciativa contará con galardóns tanto para os locais participantes como para o público. Os establecementos poderán optar ao premio á tapa máis popular, elixida polos clientes, e ao de mellor tapa, que concederá un xurado profesional. Este último valorará aspectos como a presentación, o sabor, a orixinalidade, o emprego de produtos locais e de tempada, o servizo e o nome do prato.
Pola súa parte, as persoas que participen no percorrido poderán conseguir diferentes premios en función do número de establecementos visitados e dos selos reunidos no cupón de participación.
Quen visite polo menos seis locais poderá optar ao terceiro premio, composto por dúas xerras de Sargadelos, un paquete de cervexas e un estuche de viño. O segundo premio, para quen consiga selos de polo menos oito establecementos, inclúe unha visita ao Museo MEGA, un paquete de cervexas e dous estuches de viño.
Completar o percorrido polos 11 establecementos permitirá optar ao primeiro premio, que consistirá no peso do gañador en cervexa, un pack de Vilalba para o cocido e unha visita ao Museo MEGA.
A iniciativa está organizada polo Concello de Carral e conta coa colaboración de diferentes entidades que proporcionarán os premios destinados ao público.
O Concello prepara outra iniciativa para o Entroido
O goberno local dará continuidade a este tipo de propostas de dinamización hostaleira cunha nova iniciativa prevista para o próximo ano, coincidindo coa celebración do Entroido. Deste xeito, o Concello busca seguir impulsando o consumo nos establecementos do municipio e xerar novas oportunidades para dar a coñecer a súa oferta gastronómica.