Omar Árcega gaña o Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez

GaliciaXa | ACoruñaXa
O certame da Deputación da Coruña recibiu 145 propostas de España e doutros 26 países e concedeu dous accésits e unha mención de honra
Xurado-premio-Jesús-Núñez-na-Fundación-CIEC-Betanzos--02
13 Oct 2026

A obra ‘Mareacimática’, do artista mexicano Omar Árcega Morales, fíxose co primeiro premio da 21ª edición do Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez, convocado pola Deputación da Coruña. O xurado, que examinou as 145 propostas admitidas ao concurso, procedentes de España e doutros 26 países, decidiu por unanimidade distinguir esta peza pola súa combinación de técnica e estética.

Na valoración do traballo gañador, o xurado salientou a súa “perfecta conxunción entre técnica e estética, onde a vibrante cor leva a xilografía cara a novos campos expresivos”.

A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado, integrado por Regina Gimenez Froiz, Isabel Marta Font Poquet, Mercedes del Pilar de la Pola Vindel, Héctor Alfonso Francesch Carneiro e Manuel Dimas Salamanca Mota. Manuela Muñiz Souto, xefa do Servizo de Cultura, Igualdade e Dereitos Civís, exerceu como secretaria.

O fallo incluíu tamén dous accésits, que consisten nunha bolsa de matrícula para un módulo do Máster de Obra Gráfica impartido pola Fundación CIEC. As artistas recoñecidas foron Anna Trojanowska, pola obra ‘Sleep Spindles_01’, e María Luisa Estrada Sánchez, por ‘Torres de Potrero’. Ademais, o xurado concedeu unha mención de honra a ‘La Kioskera’, de Miguel Feo, polo seu valor artístico.

Ás catro obras distinguidas súmanse outras 26 pezas seleccionadas entre as presentadas por creadores e creadoras nacionais e internacionais. Todas elas figurarán no catálogo oficial desta edición e integrarán a próxima exposición itinerante, que percorrerá diferentes localidades da provincia.

Unha traxectoria internacional

Omar Árcega Morales naceu en Puebla, México, en 1981. Artista visual, pintor e gravador, desenvolveu unha linguaxe propia na que combina a arte, a ciencia, a vibración sonora e a abstracción xeométrica.

Formouse na Escola Nacional de Pintura, Escultura e Gravado La Esmeralda e forma parte do Sistema Nacional de Creadores de Arte de México. Ao longo da súa carreira participou en residencias artísticas e exposicións en países como Inglaterra, Serbia, Taiwán e a República Checa.

O seu traballo destaca pola exploración de fenómenos intanxibles, como as vibracións acústicas e os patróns numéricos, que traslada á creación artística a través do gravado e da abstracción xeométrica.

0.1478259563446