Oleiros volve pedir á Xunta novos pasos de peóns en Dorneda e Mera

ACoruñaXa
O Concello reclama que o asfaltado previsto na estrada xeral entre Santa Cruz e Mera sirva tamén para habilitar cruces en Cabreira, Breixo, Lourido e O Couto, ademais de reducir a velocidade máxima
OLEIROS dorneda
14 Apr 2026

O Concello de Oleiros volveu reclamar á Xunta a creación de novos pasos de peóns en Dorneda e Mera coincidindo co asfaltado anunciado para a estrada xeral entre Santa Cruz e Mera.

A petición municipal céntrase en que os traballos previstos, xunto co repintado da vía e os cambios na sinalización vertical, sirvan tamén para habilitar pasos de peóns en Cabreira, Breixo, Lourido e O Couto, puntos nos que a administración local considera necesaria unha mellora da seguridade viaria.

Xunto a esa demanda, o Concello solicita tamén unha redución da velocidade máxima permitida, que na actualidade chega aos 70 quilómetros por hora en varios tramos dunha estrada na que se suceden diferentes núcleos urbanos.

Desde o goberno local sinalan que se trata dunha actuación sinxela e insisten en que a intervención prevista pola Xunta sería unha oportunidade para introducir estas melloras nunha vía autonómica que rexistra paso frecuente de vehículos e peóns.

0.12290406227112