Oleiros solicitará ao Estado máis de 311.000 euros para reparar os danos causados polos temporais na praia de Naval

ACoruñaXa
O Concello pedirá unha subvención para financiar as obras de estabilización do noiro e a restitución das infraestruturas afectadas en Santa Cruz
OLEIROS praia naval
16 Jul 2026

O Goberno municipal de Oleiros aprobará no pleno extraordinario deste venres a solicitude dunha subvención ao Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática para financiar as actuacións de reparación dos danos provocados polos temporais e as intensas choivas rexistradas entre novembro de 2025 e febreiro de 2026 no noiro do aparcadoiro da praia de Naval, en Santa Cruz.

A petición realizarase ao abeiro da convocatoria estatal destinada á recuperación de zonas gravemente afectadas por emerxencias de protección civil e contempla un investimento total de 311.780,66 euros.

As fortes precipitacións e os sucesivos temporais provocaron un importante desprendemento do terreo no noiro do aparcadoiro, xerando unha situación de risco para a seguridade das persoas e afectando tanto ao acceso peonil á praia como ao vial e ao propio estacionamento. Ante esta situación, o Concello actuou pola vía de emerxencia para estabilizar a zona e eliminar o perigo existente.

Durante a execución dos traballos foi necesario reforzar a base do muro de contención para garantir a súa estabilidade fronte á acción das mareas, o que obrigou a ampliar as actuacións inicialmente previstas.

A solicitude de axuda inclúe dous proxectos. O primeiro corresponde ás obras de contención no pé do noiro, xa executadas mediante tramitación de emerxencia, cun orzamento de 156.840,60 euros. O segundo contempla a restitución das infraestruturas danadas e a integración ambiental da intervención, cun investimento de 154.940,06 euros, co obxectivo de completar a estabilización definitiva do terreo.

Con esta solicitude, o Concello de Oleiros aspira a que o Estado participe no financiamento dunha actuación que considera imprescindible para reparar os danos ocasionados por un episodio meteorolóxico extraordinario e reforzar a protección deste treito do litoral do municipio.

0.12586808204651