Oleiros reclama un consorcio metropolitano de transporte e urxe a desbloquear as grandes obras viarias da comarca

O Concello de Oleiros volveu reclamar a creación dun sistema de transporte público metropolitano coordinado e a execución das principais infraestruturas viarias pendentes como medidas necesarias para facer fronte aos problemas de mobilidade que afectan diariamente á comarca da Coruña.
O Goberno municipal considera que o colapso dos accesos á cidade continúa a ser o principal problema da área metropolitana e defende a convocatoria dunha reunión entre as distintas administracións e os concellos da contorna co obxectivo de impulsar unha demanda conxunta de solucións urxentes.
Segundo sostén o Concello, os atascos diarios non poden resolverse con actuacións illadas, senón mediante unha planificación global de toda a área metropolitana. Por este motivo, insiste na creación dun Consorcio Metropolitano de Transporte liderado pola cidade da Coruña e integrado polos municipios da súa contorna, entre eles Oleiros, Cambre, Culleredo e Arteixo.
A administración local considera que este organismo permitiría coordinar a planificación das liñas, as frecuencias, as tarifas e os investimentos en transporte público, priorizando as necesidades da cidadanía fronte ás limitacións derivadas das divisións administrativas ou dos intereses das empresas concesionarias.
Neste contexto, Oleiros entende que a futura concesión do servizo de autobús urbano da Coruña representa unha oportunidade para avanzar cara a unha rede metropolitana. Por iso, solicita que o novo contrato sexa flexible e poida adaptarse á creación do futuro consorcio, permitindo ademais que as liñas urbanas dean servizo máis aló do termo municipal coruñés e melloren a conexión cos concellos da contorna.
Xunto á mellora do transporte público, o Goberno municipal considera imprescindible avanzar nas infraestruturas viarias pendentes. Neste sentido, critica que a Xunta de Galicia aínda non completase a conexión da Vía Ártabra coa AP-9, unha actuación que, segundo indica, permanece paralizada desde hai máis de seis anos tras diversos erros no proxecto e na súa contratación. O Concello lembra que por este acceso circulan arredor de 90.000 vehículos ao día.
Ademais, reclama ao Ministerio de Transportes que desbloquee a ampliación da Ponte da Pasaxe, unha infraestrutura que cualifica de estratéxica para mellorar a mobilidade na área metropolitana.
O Concello de Oleiros conclúe que, sen a posta en marcha destas actuacións e sen un verdadeiro sistema de transporte público de carácter metropolitano, non será posible resolver os problemas de mobilidade que afectan cada día a milleiros de persoas na comarca da Coruña.