Oleiros oferta 1.319 prazas para actividades infantís e xuvenís durante o verán

ACoruñaXa
O prazo de presincrición para as actividades de verán infantís e xuvenís que organiza o Concello estará aberto entre os días 23 e 30 de abril
Imaxe da Praia de Mera en Oleiros
Imaxe da Praia de Mera en Oleiros
18 abr 2024

O Concello de Oleiros organiza un ano máis actividades para os cativos e cativas durante os meses de verán.

Deste xeito, o prazo de presincrición para as actividades de verán infantís e xuvenís que organiza o Concello estará aberto entre os días 23 e 30 de abril. Deberán realizarse a través da sede electrónica e só poderán apuntarse nenos e nenas empadroados no municipio.

Para ofrecer un amplo abano de posibilidades, adaptado ás necesidades e preferencias de cada fogar, organízanse desde obradoiros e actividades dunha hora ata campamentos de varios días.

Entre outras actividades haberá campamentos, excursións a espazos naturais fóra de Oleiros, minicampamentos, hortas, danza, teatro, kaiak, surf, xogos deportivos, parkour, calistenia, orientación, escalada, paddle surf, sendeirismo, bicicleta, rugby, piragüismo, tiro con arco, artes plásticas, olería, ilustración e cómic, pintura, gravado, graffiti, entre outras.

Toda persoa que desexe obter máis información pode acudir á páxina web municipal ou presencialmente á Fábrica de Perillo.