Oleiros manterá pechado o novo tramo do paseo da ría mentres non se conecte co Paraíso e O Seixo

ACoruñaXa
Por seguridade mentres non se constrúan os tramos de paseo do Paraíso e O Seixo, o Concello manterá pechado os accesos ao novo tramo de paseo
Imaxe do tramo do paseo da ría do Burgo entre Oleiros e Cambre
Imaxe do tramo do paseo da ría do Burgo entre Oleiros e Cambre
30 abr 2024

O Concello de Oleiros informa de que recibiu unha comunicación da Xefatura da Demarcación de Costas da Coruña na que se indica que foron recibidas as obras do dragado da ría; que se poñen en uso público e que se responsabiliza ao Concello do mantemento e conservación das obras realizadas en Oleiros.

Neste sentido, o Goberno municipal lamenta a actitude da Xefatura da Demarcación de Costas e da Delegación do Goberno, que avala este comportamento despótico.

O Concello de Oleiros considera un insulto por parte da Xefatura da Demarcación de Costas esta comunicación por deixar totalmente desconexionado o minipaseo creado fronte á nova zona verde do Seixo en ambos sentidos, tanto cara ao Paraíso como cara ao Seixo. Tamén resulta alarmante que se lle pretenda cargar ao Concello o mantemento e conservación das obras, cando a empresa adxudicataria debería estar obrigada a asumir esas tarefas por un mínimo de 1 ano.

Por seguridade, mentres non se constrúan os tramos de paseo do Paraíso e O Seixo, o Concello manterá pechado os accesos ao novo tramo de paseo creado, para evitar riscos polas evidentes dificultades existentes para unha axeitada mobilidade ciclo-peonil.