Oleiros instalará Puntos Violeta nas festas do municipio como medida de prevención
Un ano máis, o Concello de Oleiros, en colaboración coas comisións de festas do municipio, está a traballar activamente para a prevención das violencias sexuais, LGTBIfóbicas e demais violencias machistas durante as festas que se van desenvolver nas diferentes parroquias ao longo de todo o ano.
Neste sentido, continuará instalando Puntos Violeta nas festividades e celebracións nocturnas realizadas nas diferentes parroquias. Os primeiros Puntos Violeta deste ano instalaranse nas festas de San Xurxo de Iñás (19 de abril), San Marcos de Nós (26 de abril) e San Isidro de Perillo (11 de maio). Todos eles terán un horario de atención de 23.00 da noite a 03.00 da madrugada.
Os Puntos Violeta son puntos de atención a vítimas de agresión sexual, LGTBIfóbica e calquera outro tipo de agresión machista. Formado por unha equipo experto de profesionais na materia, tamén conta con acompañamento psicolóxico. Ademais, ofrecen información sobre os recursos municipais na materia e realizan accións de sensibilización dirixidas á cidadanía, coas que se busca dotar de ferramentas para a prevención, detección e actuación fronte ditas violencias. Achégate a un Punto Violeta e, desde alí, responderán a todas as túas dúbidas en materia de xénero, igualdade e violencias machistas.
Con esta decisión, dáselle continuidade á campaña 'Non faltes á festa, pero de festa non faltes', coa que se busca achegar á poboación ferramentas para a prevención, detección e actuación fronte ditas violencias durante as celebracións vencelladas ao ocio nocturno. Para isto, nas redes sociais e plataformas de comunicación coas que conta o Concello, recóllese información sobre os recursos e servizos municipais específicos neste eido, sobre as violencias sexuais e LGTBIfóbicas e sobre que facer e como actuar se se é vítima ou testemuña dunha agresión.
O material de sensibilización pódese consultar na páxina web do Concello.