Oleiros instalará Puntos Violeta nas festas do municipio como medida de prevención

ACoruñaXa
Con esta decisión, dáselle continuidade á campaña 'Non faltes á festa, pero de festa non faltes', coa que se busca achegar á poboación ferramentas para a prevención, detección e actuación fronte ditas violencias durante as celebracións vencelladas ao ocio nocturno
Imaxe da casa do Concello de Oleiros
Imaxe da casa do Concello de Oleiros
18 abr 2024

Un ano máis, o Concello de Oleiros, en colaboración coas comisións de festas do municipio, está a traballar activamente para a prevención das violencias sexuais, LGTBIfóbicas e demais violencias machistas durante as festas que se van desenvolver nas diferentes parroquias ao longo de todo o ano.

Neste sentido, continuará instalando Puntos Violeta nas festividades e celebracións nocturnas realizadas nas diferentes parroquias. Os primeiros Puntos Violeta deste ano instalaranse nas festas de San Xurxo de Iñás (19 de abril), San Marcos de Nós (26 de abril) e San Isidro de Perillo (11 de maio). Todos eles terán un horario de atención de 23.00 da noite a 03.00 da madrugada.

Os Puntos Violeta son puntos de atención a vítimas de agresión sexual, LGTBIfóbica e calquera outro tipo de agresión machista. Formado por unha equipo experto de profesionais na materia, tamén conta con acompañamento psicolóxico. Ademais, ofrecen información sobre os recursos  municipais na materia e realizan accións de sensibilización dirixidas á cidadanía, coas que se busca dotar de ferramentas para a prevención, detección e actuación fronte ditas violencias. Achégate a un Punto Violeta e, desde alí, responderán a todas as túas dúbidas en materia de xénero, igualdade e violencias machistas.

Con esta decisión, dáselle continuidade á campaña 'Non faltes á festa, pero de festa non faltes', coa que se busca achegar á poboación ferramentas para a prevención, detección e actuación fronte ditas violencias durante as celebracións vencelladas ao ocio nocturno. Para isto, nas redes sociais e plataformas de comunicación coas que conta o Concello, recóllese información sobre os recursos e servizos municipais específicos neste eido, sobre as violencias sexuais e LGTBIfóbicas e sobre que facer e como actuar se se é vítima ou testemuña dunha agresión.

 

O material de sensibilización pódese consultar na páxina web do Concello.