Oleiros inaugura mañá o paseo dedicado a Pepe Mujica cun acto que reunirá representantes políticos de Uruguai

O Concello de Oleiros inaugura mañá o Paseo Pepe Mujica, un acto que espertou un notable eco en Uruguai e que contará coa asistencia de varias figuras relevantes da política dese país.
Entre as asistentes destaca a senadora do Frente Amplio Blanca Rodríguez, de orixe galega, cuxa traxectoria profesional estivo ligada durante anos ao xornalismo de televisión e radio antes de incorporarse á política. Foi o propio José Mujica quen a presentou publicamente ante os medios e a sociedade uruguaia en 2024. Rodríguez mantivo unha estreita relación persoal e política co expresidente, e na actualidade impulsa iniciativas relacionadas coa infancia, a educación e a convivencia democrática, o que a converteu nunha das figuras con maior proxección dentro do Movimiento de Participación Popular (MPP), a corrente de Mujica integrada no Frente Amplio, actualmente no Goberno uruguaio.
Xunto a ela, intervirán no acto o embaixador da República de Uruguai en España, Bernardo Greiver del Hoyo; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; e o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane.
A inauguración contará ademais coa participación de Lucía Topolansky, exvicepresidenta de Uruguai e compañeira de vida de José Mujica. Aínda que inicialmente tiña previsto desprazarse ata Oleiros, motivos persoais impedirán finalmente a súa asistencia de forma presencial, polo que a súa intervención se realizará mediante unha videoconferencia que se proxectará nunha pantalla xigante durante o acto.
O evento, de carácter público e aberto a toda a cidadanía, comezará ás 12.00 horas na zona do Paraíso. A Banda da Escola Municipal de Música de Oleiros amenizará o acto e, antes do seu inicio, realizará un pasarrúas por todo o percorrido do novo paseo.