Oleiros gañará máis de 30.000 metros cadrados de novos espazos públicos

ACoruñaXa
A nova urbanización entre a rotonda das olas e a piscina mellorará os accesos ao centro de saúde, creará aparcamento e reservará solo para ampliar o CEIP Rabadeira
OLEIROS nova urbanizacion
12 Jun 2026

O patrimonio municipal de Oleiros incrementarase en máis de 30.000 metros cadrados co desenvolvemento dunha nova urbanización situada entre a rotonda das olas e a piscina. Máis da metade da superficie prevista pasará a ser de titularidade pública.

A actuación permitirá ordenar mellor os accesos ao centro de saúde, facilitar a mobilidade na zona e habilitar novas prazas de aparcamento para dar resposta ás necesidades da veciñanza. O proxecto tamén contempla a creación de zonas verdes e espazos de estancia ao aire libre.

Dentro da superficie pública reservarase unha parcela específica para ampliar a área de recreo do CEIP Rabadeira, co obxectivo de mellorar os espazos educativos e de lecer do alumnado.

A urbanización tamén fixo posible a obtención anticipada dos terreos necesarios para construír o centro de saúde e a apertura da circunvalación de Oleiros, unha infraestrutura clave ao conectar directamente coa vía Ártabra.

O Concello enmarca esta actuación na súa aposta por un crecemento urbanístico ordenado, vinculado á creación de novos espazos públicos e á mellora dos servizos municipais.

0.11932897567749