Oleiros converterase no centro da retransmisión mundial da eclipse solar do 12 de agosto

ACoruñaXa
A Aula do Mar de Mera acollerá o centro de operacións desde o que se emitirá a cobertura televisiva do fenómeno para cadeas nacionais e internacionais
OLEIROS aula do mar faro mera
7 Aug 2026

Oleiros será un dos principais escenarios da cobertura informativa da eclipse solar do vindeiro 12 de agosto. A Aula do Mar de Mera converterase no centro de operacións desde o que se realizará a retransmisión especial do fenómeno astronómico, cuxo sinal será distribuído a televisións de distintos puntos de España e tamén a cadeas internacionais.

Desde estas instalacións emitiranse os diferentes programas e informativos especiais dedicados á eclipse, convertendo o municipio nun dos puntos de referencia para seguir un dos acontecementos astronómicos máis destacados das últimas décadas.

Ademais da cobertura informativa, a Aula do Mar albergará o Posto de Mando Avanzado do dispositivo especial preparado para esa xornada. Desde alí coordinaranse os servizos de seguridade e emerxencias co obxectivo de atender calquera incidencia que poida producirse durante unha xornada na que se espera unha importante afluencia de visitantes.

O operativo contará con máis dun cento de efectivos municipais entre Policía Local, Servizo Municipal de Emerxencias, Protección Civil e Servizo de Salvamento e Socorrismo. O seu labor centrarase en garantir a seguridade das persoas asistentes e minimizar as afeccións ao tráfico nas diferentes zonas do municipio.

Con motivo da instalación dos equipos técnicos e da preparación do dispositivo especial, a Aula do Mar modificará temporalmente o seu horario de apertura. O martes 11 de agosto abrirá unicamente entre as 12.00 e as 14.00 horas, mentres que o mércores 12 permanecerá pechada durante toda a xornada.

0.12808990478516