Oleiros asumirá a xestión de seis estradas provinciais xa integradas no seu tecido urbano

Seis estradas provinciais que na práctica xa funcionaban como rúas, accesos a praias ou vías urbanas de Oleiros pasarán a depender do Concello. A Deputación da Coruña publicou este venres no Boletín Oficial da Provincia o acordo de cesión de 2.794 metros de viario, unha operación valorada en máis de 6,6 millóns de euros e que aínda deberá completar a súa tramitación ante a Xunta de Galicia.
A medida afecta ás estradas DP 5803, DP 5804, DP 5805, DP 5806, DP 5808 e DP 5809. Son tramos situados en ámbitos xa consolidados do municipio, con uso marcadamente urbano, entre eles o acceso á praia de Santa Cristina, o de Bastiagueiro e varias conexións interiores en zonas residenciais.
O acordo foi aprobado por unanimidade no pleno provincial do pasado 29 de abril e supón unha reorganización da titularidade destas vías. A Deputación despréndese de tramos que deixaron de ter unha función estritamente provincial e Oleiros gaña capacidade directa de intervención sobre espazos que forman parte da vida diaria do municipio.
O traspaso, con todo, non implica só capacidade de decisión. Unha vez formalizada a cesión, o Concello asumirá tamén todos os gastos derivados da titularidade das vías, desde a conservación e o mantemento ata futuras obras, impostos ou actuacións de mellora.
Entre os tramos cedidos figura a avenida de Santa Cristina, recentemente remodelada pola Deputación cun investimento de 1,7 millóns de euros. A actuación permitiu mellorar a seguridade viaria, a accesibilidade e a calidade urbana dunha das zonas máis transitadas de Oleiros, especialmente durante os meses de verán.
A cesión inclúe tamén 953 metros da DP 5803, entre A Pasaxe e Perillo; 446 metros da DP 5804, de acceso á praia de Santa Cristina; 196 metros da DP 5805, cara a Bastiagueiro; 419 metros da DP 5806, na prolongación ao mar da AC-190 en Coruxo; 268 metros da DP 5808, entre a DP 5813 e a Vía Ártabra; e 512 metros da DP 5809, entre a estrada Oleiros-Sada e a vía de Pousada-Edreira.
A documentación publicada non concreta se a iniciativa partiu inicialmente do Concello ou da Deputación, aínda que este tipo de cambios de titularidade require acordo entre administracións. O expediente será agora remitido á Xunta para completar o procedemento previsto na normativa galega de estradas.
O Concello deberá manter estes bens como dominio público durante os 30 anos posteriores á cesión. Se incumprise esa condición, os tramos poderían volver á titularidade provincial.