Oleiros amplía desde o 1 de xullo os horarios da Aula do Mar e da oficina de turismo de Santa Cristina

ACoruñaXa
Os dous servizos reforzan a súa atención durante o verán para facilitar a información aos visitantes do municipio
OLEIROS aula do mar
29 Jun 2026

O Concello de Oleiros ampliará a partir do 1 de xullo os horarios de atención da Aula do Mar e da oficina de información turística de Santa Cristina, coincidindo co incremento de visitantes durante a tempada estival.

A Aula do Mar, situada no Faro de Mera, abrirá de martes a domingo en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.30 horas. Pola súa banda, a oficina de turismo situada no paseo de Santa Cristina prestará servizo de mércores a sábado, tamén de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.30 horas.

A Aula do Mar constitúe un dos principais centros de interpretación ambiental do municipio e serve como porta de entrada ao Monumento Natural da Costa de Dexo e Serantes. No seu interior, os visitantes poden descubrir a riqueza mariña, xeolóxica e paisaxística deste espazo protexido a través de diferentes salas expositivas nas que se explica a súa biodiversidade e as características naturais do Arco Ártabro.

O centro ocupa a antiga casa do fareiro, situada entre os dous faros de Mera, nun enclave privilexiado sobre os cantís. Ademais da exposición permanente, o edificio ofrece un dos miradoiros máis destacados da comarca, desde o que é posible contemplar as bocas das rías da Coruña, Betanzos, Ares e Ferrol, así como a illa da Marola e boa parte da costa ártabra.

0.14425301551819