Oleiros acometerá as obras da avenida de Santa Cristina en catro fases

ACoruñaXa
Cada fase da obra prevé completarse en dous meses, co que en novembro estaría rematada a actuación
Imaxe do proxecto de reforma da Avenida de Santa Cristina en Oleiros
Imaxe do proxecto de reforma da Avenida de Santa Cristina en Oleiros
1 abr 2024

O Concello de Oleiros informou de que as obras da avenida de Santa Cristina, que comezan esta semana pola zona máis próxima á glorieta, executaranse en 4 tramos, para causar os mínimos trastornos posibles á veciñanza, hostalería e comercio. Cada fase prevé completarse en dous meses, co que en novembro estaría rematada a obra.

Segundo os plans da empresa, van ir arranxando en paralelo as marxes dereita e esquerda da vía, sen cortar o tráfico, tratando de minimizar as molestias á mobilidade tanto peonil como motorizada. Nalgún momento pode chegar a modificar temporalmente o sentido dalgunhas rúas adxacentes, que serán sinalizadas como corresponde.

En canto aos lugares de aparcamento, irán deixando o máximo posible, se ben parte do espazo pode verse afectado polas necesidades da propia obra. Todos eses pormenores irán sinalizándose axeitadamente segundo avancen os traballos.

O Concello buscará minimizar os prexuízos á actividade económica establecendo unha coordinación entre a construtora e as empresas que usan o espazo público para terrazas, co obxectivo de reducir ao mínimo as afeccións. Solicítase tamén a maior colaboración da veciñanza e do persoal das empresas durante a realización desta importante obra, que mellorará significativamente a paisaxe urbana de Santa Cristina.

Prégase reducir todo o posible o uso do coche particular, utilizándoo só cando sexa imprescindible tanto na avenida como nas rúas adxacentes, para que os traballos poidan desenvolverse con soltura e as molestias sexan mínimas. Nese sentido, o Concello volverá reclamar á Xunta de Galicia o funcionamento da liña de bus urbano 1-A a Santa Cristina, paralizada o pasado verán por parte da Xunta de maneira unilateral sen xusitificación.