Oleiros abre unha sesión informativa para orientar ás persoas migrantes no proceso de regularización

ACoruñaXa
A charla celebrarase o xoves 23 de abril, ás 11.00 horas, no Auditorio da Fábrica de Santa Cristina e abordará requisitos, documentación e apoio social para tramitar a solicitude
OLEIROS charla regularizacion migrantes
20 Apr 2026

O Concello de Oleiros ofrecerá a próxima semana unha charla aberta á veciñanza para explicar o proceso extraordinario de regularización de persoas migrantes posto en marcha polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións do Goberno de España. A sesión está promovida pola Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, en colaboración coa Asesoría Xurídica Social do Plan Coordinador de Servizos Sociais do Consorcio As Mariñas.

A cita terá lugar o xoves 23 de abril, ás 11.00 horas, no Auditorio da Fábrica, en Santa Cristina, e está dirixida a todas aquelas persoas de Oleiros interesadas en coñecer de primeira man as condicións, os requisitos e a documentación necesaria para acollerse a este procedemento.

Durante a charla tamén se ofrecerá información sobre a tramitación do informe de vulnerabilidade, un documento que emitirán os Servizos Sociais Comunitarios de Oleiros nos casos en que sexa preciso. Ademais, daranse a coñecer as ONG da contorna que participan neste proceso como entidades colaboradoras.

As persoas asistentes poderán expoñer as súas dúbidas e recibir orientación directa tanto da asesora xurídica encargada da sesión como de integrantes do equipo de Servizos Sociais Comunitarios do Concello, que estarán presentes para resolver aquelas cuestións nas que sexa necesaria a intervención municipal.

Desde o goberno local subliñan a relevancia deste proceso para moitas persoas que residen actualmente en Oleiros, entre elas familias con nenos e nenas, xa que consideran que esta vía pode facilitarlles unha vida máis digna e reducir as dificultades derivadas da súa situación administrativa.

Para obter máis información, as persoas interesadas poden consultar a páxina web habilitada polo Goberno de España para este procedemento ou poñerse en contacto cos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Oleiros nas oficinas de Oleiros e Perillo, no correo s.sociais@oleiros.org ou no teléfono de atención á veciñanza 981 61 00 00.

0.11536979675293