Oleiros abre o luns a inscrición para unha excursión de tres días dirixida a persoas con diversidade funcional

O programa 'Findes de lecer' abrirá o luns 18 de maio o prazo de inscrición para unha nova actividade dirixida a persoas con diversidade funcional de Oleiros. A proposta consistirá nunha viaxe convivencial de tres días polas provincias de Ourense e Pontevedra, que se desenvolverá entre o 19 e o 21 de xuño.
A actividade está pensada para favorecer un uso saudable do tempo libre e potenciar a autonomía persoal e social das persoas participantes. Tamén busca reforzar a responsabilidade, a convivencia e outras habilidades que contribúan a unha mellor integración social.
O itinerario incluirá visitas a Ridimoas, á igrexa de Beade, ás termas da Chavasqueira, á Casa do Patrón, onde haberá unha visita guiada e un obradoiro de pan, e ao templo de Veracruz nun percorrido nocturno. A programación completarase con paradas en Allariz, na ponte de Vilanova, no río Arnoia, na Asociación ANDREA, no pazo de Liñares, na sala do aviador Joaquín Loriga, no Museo do Xoguete e no Museo da Marioneta.
A convocatoria ofrece 15 prazas para persoas de entre 12 e 55 anos, empadroadas en Oleiros e con certificado de discapacidade. As inscricións poderán realizarse entre o 18 e o 25 de maio a través da web municipal.
A adxudicación das prazas comunicarase o 26 de maio ás persoas admitidas. Posteriormente, as participantes e as súas familias serán citadas o 11 de xuño a unha reunión explicativa en Casa Echeverry, onde se facilitará toda a información sobre a viaxe. As dúbidas poden consultarse no teléfono de atención veciñal 981 610 000 ou no correo s.sociais@oleiros.org.