Oleiros abre á circulación o enlace de Sol y Mar en Perillo

ACoruñaXa
Ademais das mellora viarias, foron atendidas diversas peticións do Concello valoradas en 800.000 euros para embelecer a zona
Imaxe da inauguración de Sol y Mar en Oleiros
21 Xuño 2024

Logo de 30 anos de loita veciñal, xa están abertas completamente á circulación as obras realizadas na N-VI ao seu paso por Perillo, na zona coñecida como Sol y Mar. O alcalde, Ángel García Seoane, e o Delegado do Goberno, Pedro Blanco, presidiron o acto de apertura desta importante obra que tivo un custo de 11,8 millóns de euros e que permitirá mellorar notablemente a circulación neste punto.

Ademais das mellora viarias, foron atendidas diversas peticións do Concello valoradas en 800.000 euros para embelecer a zona, incrementar os espazos peonís e renovar distintas rúas e servizos, para evitar novas molestias futuras. Así foi que se renovaron os dous treitos da rúa Areal, mellorouse a rúa das Garridas, conectáronse a través dunha pasarela peonil as prazas de Agramar e Os Areeiros, realizouse un by-pass en Agramar para facilitar o acceso rodado aos veciños e realizáronse importantes obras soterradas relacionadas co ciclo da auga e o saneamento, aproveitando as principais intervencións viarias.

Durante a súa intervención, o alcalde lembrou que detrás desta obra “hai unha historia moi longa que comezou coa Asociación de Veciños A Ría de Perillo, convocando momento continuas manifestacións durante anos, que logo continuamos desde o Concello. Pola constancia diaria do movemento veciñal e do Goberno municipal hoxe inauguramos esta obra, importantísima e moi necesaria”, dixo. Sobre o compromiso existente de iniciar a obra de ampliación da ponte Pasaxe unha vez rematase a de Sol y Mar, o alcalde dirixiuse ao Delegado do Goberno para “recordarlle que non acabou aquí a festa. Temos que ter a obra da ponte Pasaxe, pero ata que vexa os contratos non o crerei. Ía expropiarse en maio e non se fixo. Agardo que sexa en xullo ou agosto, máis tardar”.

O Concello de Oleiros quixo agradecer a paciencia e colaboración veciñal e empresarial durante estes 3 longos anos de obras, que ocasionaron fortes incomodidades e prexuízos. A obra era imprescindible para mellorar a zona e axilizar o tráfico de acceso e saída á cidade da Coruña.

0.14956998825073