O ximnasio municipal de Abegondo recibirá 52.000 euros en novo equipamento coa reforma de San Marcos na recta final

O ximnasio municipal de Abegondo contará con novo equipamento profesional tras un investimento de arredor de 52.000 euros destinado a renovar e completar as súas instalacións. A actuación acompaña a ampliación e remodelación do polideportivo de San Marcos, unhas obras que se atopan xa na súa recta final e que representan un investimento global de 1,7 millóns de euros.
O Concello adxudicou por 43.439 euros o contrato para o subministro, transporte, montaxe e posta en funcionamento das novas máquinas e equipos. A dotación está pensada para un uso profesional intensivo e abrangue as distintas áreas de adestramento do ximnasio. A esta cantidade sumaranse outros 9.000 euros para instalar espellos en todas as salas.
A zona de forza e peso libre incorporará unha estación multifuncional, un cruce de poleas, máquinas de hack squat invertido, peck deck dual, hip thrust e dominadas asistidas. Tamén contará con bancos regulables, barras olímpicas e hexagonais, discos de goma, organizadores e pesas rusas de entre 4 e 24 quilos.
O espazo funcional e de CrossFit disporá dunha estrutura de parede, caixóns pliométricos, correas TRX, esterillas e unha pista de céspede artificial de dez metros con trineo de arrastre. Para as actividades de Pilates e mobilidade adquiríronse bloques de ioga, fitballs, pelotas de area e bandas elásticas con distintos niveis de resistencia.
A renovación chegará tamén á área cardiovascular, que sumará unha máquina de remo profesional de resistencia por aire, unha bicicleta de asalto e unha elíptica electromagnética con pantalla táctil 4K e conexión a internet.
Unha reforma de 1,7 millóns de euros
O alcalde, José Antonio Santiso, visitou as obras do complexo deportivo e destacou que a nova dotación permitirá dar «un salto de calidade» na oferta deportiva municipal. Segundo explicou, a ampliación do polideportivo facía necesario acompañar a reforma cun equipamento moderno e adaptado ás necesidades dos usuarios.
O proxecto contempla aumentar e modernizar a superficie do recinto, con actuacións nos vestiarios, no ximnasio, na sala fitness e no espazo destinado ás actividades dirixidas. Tamén inclúe a renovación do pavimento da pista deportiva e melloras nas condicións de accesibilidade.
A intervención conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros e está cofinanciada pola Xunta de Galicia, que achega 700.000 euros. O goberno local sitúa entre os obxectivos da reforma o fomento da actividade física e da saúde a través dunhas instalacións deportivas renovadas.