A Xunta destina máis de 700.000 euros á remodelación e ampliación do pavillón municipal de San Marcos

As obras de remodelación e ampliación do pavillón polideportivo municipal San Marcos de Abegondo avanzan a bo ritmo. Así o comprobaron este xoves o alcalde, José Antonio Santiso, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, durante a visita realizada ás instalacións.
A actuación conta cun investimento total de 1.479.252,58 euros, dos que 700.000 euros proceden dunha achega da Xunta de Galicia a través da liña de apoio a proxectos estratéxicos do Fondo de Cooperación Local.
O proxecto permitirá transformar unha das principais instalacións deportivas do municipio, cunha actuación centrada na ampliación de espazos, a mellora da accesibilidade e a modernización dos servizos. O alcalde destacou que se trata dun dos proxectos "máis importantes do mandato", xa que permitirá ofrecer á veciñanza unhas instalacións adaptadas á crecente demanda de actividade deportiva.
O pavillón conta ademais cunha importante utilización máis alá do ámbito municipal, xa que as súas instalacións son empregadas tamén por usuarios e usuarias de concellos próximos como Carral, Oza-Cesuras e Betanzos.
Entre as actuacións previstas destaca a ampliación do ximnasio e da sala fitness, que duplicarán a súa superficie, así como o aumento do espazo destinado ás salas de actividades deportivas dirixidas. Tamén se renovarán completamente os vestiarios, que igualmente duplicarán a súa dimensión, e habilitaranse accesos directos desde a zona da piscina.
O proxecto inclúe ademais a renovación do pavimento da pista deportiva principal, mantendo a madeira como material, pero incorporando unha solución máis axeitada para o desenvolvemento das diferentes actividades deportivas.
Outro dos eixos principais da actuación será a mellora da accesibilidade. O pavillón contará cun novo ascensor na zona principal para facilitar o acceso ás bancadas e á sala fitness, así como cun segundo ascensor que substituirá a actual plataforma elevadora. Tamén se instalará unha rampla accesible na zona posterior e un sistema mecánico que facilitará o acceso á piscina para persoas con mobilidade reducida.
As obras incluirán tamén a renovación da aula lúdica, un espazo empregado durante todo o ano nos programas de conciliación municipal, e actuacións para mellorar a eficiencia enerxética do edificio mediante melloras na envolvente térmica co obxectivo de reducir o consumo.
Durante a visita, Diego Calvo puxo en valor o traballo do Concello de Abegondo no ámbito deportivo, destacando iniciativas municipais como a "receita deportiva", mentres que o goberno local subliñou que a reforma permitirá dotar ao municipio dunha infraestrutura deportiva máis moderna e preparada para as necesidades actuais.