O xeólogo Oscar Pazos explorará a orixe da Gallaecia e a minaría do ouro nunha conferencia na Coruña

ACoruñaXa
O xeólogo presenta o seu libro "A invención da Gallaecia e a minaría do ouro" este xoves en Portas Ártabras
oscar pazos amigos dos museos
2 Out 2024

Este xoves 3 de outubro, ás 20.00 horas, terá lugar en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, A Coruña) unha conferencia sobre o libro 'A invención da Gallaecia e a minaría do ouro', impartida polo seu autor, o xeólogo Óscar Pazos. O evento, organizado por Amigos dos Museos de Galicia, ofrece unha entrada libre ata completar aforo.

Na súa obra, Pazos explora as orixes históricas da Gallaecia e a relevancia da explotación mineira do ouro no noroeste da Península Ibérica. Baseándose en fontes da Antigüidade, como o cronista Plinio o Vello, que afirmou que a Gallaecia producía anualmente vinte mil libras de ouro, o autor expón que foi este ciclo mineiro galaico-romano o que impulsou o desenvolvemento desta rexión.

A través dunha tese innovadora, Pazos argumenta que a minaría do ouro foi o factor clave para a creación e a continuidade histórica da Gallaecia, unha provincia que, despois de vinte séculos, segue existindo como entidade administrativa e política.

O público asistente terá a oportunidade de afondar nesta etapa crucial da historia galega, onde a sociedade castrexa, composta por mineiros e guerreiros, foi redeseñada pola man do emperador Augusto.

0.18646311759949