O Xalo celebra quince anos cunha travesía de récord e preto de 900 inscricións

ACoruñaXa
A proba reuniu en Castelo a máis de 1.000 persoas entre participantes, público e voluntariado, con vitorias de Miguel Vázquez, Pauline Jacob, Andrés Flórez e Susana Capelán
CULLEREDO travesia do xalo
26 Apr 2026

A XV Travesía do Xalo viviu este sábado a edición máis concorrida da súa historia. A cita reuniu en Castelo a máis de 1.000 persoas entre deportistas, público e voluntariado, cunha participación próxima ás 900 inscricións nas distintas modalidades. Quince anos despois do seu nacemento, a proba consolidouse como unha das referencias galegas nas carreiras de montaña e no sendeirismo.

A xornada comezou desde primeira hora arredor da Taberna de Castelo, Casa Rodríguez, que funcionou como punto de encontro para participantes e visitantes. O ambiente deportivo mesturouse coa celebración dun aniversario especial, no que tamén tivo protagonismo a exposición 'Quince anos no monte', unha mostra que repasou a evolución da travesía a través da súa historia e dos carteis das diferentes edicións.

A actividade deportiva arrancou ás 10.00 horas coas distintas modalidades: carreira longa, de 19,5 quilómetros; carreira curta, de 9,9 quilómetros; andaina, de 9,5 quilómetros; e probas infantís. A organización contou cun dispositivo formado por un cento de persoas voluntarias e cun sistema de sinalización reforzado para garantir o bo desenvolvemento dos percorridos polo Monte Xalo.

Na carreira longa, de 19,5 quilómetros e 2.729 metros de desnivel acumulado, Miguel Vázquez impúxose na categoría masculina cun tempo de 1.53.02. Completaron o podio Rubén Gómez, con 1.53.51, e Marcos Naya, con 1.58.35. Na categoría feminina, a vencedora foi Pauline Jacob, que cruzou a meta en 2.27.48, por diante de María Esther Barreira, con 2.29.33, e Alejandra Seoane, con 2.43.37.

A carreira curta, recuperada nesta edición tras varios anos sen celebrarse, deixou o triunfo masculino de Andrés Flórez, cun rexistro de 0.54.22. Tras el chegaron Adrián Mosteiro, con 0.55.05, e Luis López-Riobo, con 1.00.03. Na proba feminina, Susana Capelán foi a máis rápida cun tempo de 1.22.20, seguida de María Souto, con 1.22.55, e Silvia Andrea Kukla, con 1.23.43.

As probas infantís achegaron o protagonismo ás novas xeracións, que participaron nun ambiente festivo e familiar na contorna da polideportiva. A súa presenza reforzou o carácter aberto dunha travesía que combina competición, contacto coa natureza e convivencia.

Tras a entrega de premios, a celebración continuou cunha churrascada popular e cunha tarde de concertos a cargo de Mekanika Rolling Band, Los Alcántara e Juego Sucio. O bo tempo e a resposta do público acompañaron unha edición histórica que confirmou que a Travesía do Xalo é xa moito máis ca unha carreira: unha xornada compartida arredor do deporte, do monte e da vida comunitaria.

0.11715888977051