O xadrez súmase á celebración das Letras Galegas cun novo torneo en Carral

O Concello de Carral celebrará o domingo 17 de maio a primeira edición do Torneo de Xadrez das Letras Galegas, unha nova proposta deportiva que coincidirá coa conmemoración desta data cultural. A cita desenvolverase a partir das 16.00 horas no Pavillón do Espiño.
A competición está organizada pola Concellería de Deportes e nace tras a boa acollida doutras citas xa consolidadas no municipio, como o Torneo de Verán e o Torneo de Nadal, que nas últimas edicións rexistraron un aumento de participación e interese.
Para esta primeira edición prevese reunir arredor de 50 xogadores e xogadoras chegados de distintos puntos da provincia da Coruña. O aforo máximo será de 60 participantes, polo que será necesario formalizar a inscrición previamente.
O torneo disputarase mediante sistema suízo, con partidas rápidas de 30 minutos e un total de sete roldas. A xornada terá unha duración aproximada de catro horas e incluirá diferentes categorías: Sub-10, Sub-14, Absoluta e Mellor Local.
As tres primeiras persoas clasificadas en cada categoría recibirán trofeo. Desde o Concello destacan que a iniciativa busca fomentar disciplinas como o xadrez, promover o deporte base e crear un espazo de convivencia arredor dunha xornada especialmente significativa para a cultura galega.
As inscricións poden realizarse de forma presencial no complexo deportivo municipal ou a través do formulario dispoñible na páxina web do Concello de Carral.