O voluntariado xuvenil reforzará o programa de conciliación de verán en Coirós

ACoruñaXa
O Concello convoca oito prazas para mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, que colaborarán como apoio no 'Concilia Coirós 2026' durante xullo, agosto e os primeiros días de setembro
Imaxe da casa do Concello de Coirós
20 May 2026

O Concello de Coirós volverá impulsar este verán o seu programa de voluntariado xuvenil, unha iniciativa coa que busca fomentar a participación activa da mocidade e o seu compromiso social a través da colaboración en actividades municipais.

A convocatoria inclúe oito prazas dirixidas a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos. As persoas seleccionadas incorporaranse ao programa 'Concilia Coirós 2026', que se desenvolverá durante os meses de xullo, agosto e ata o 4 de setembro.

O Concello subliña que o papel do voluntariado será de apoio ao monitorado. En ningún caso asumirán funcións propias do persoal profesional contratado, senón que colaborarán co equipo especializado no desenvolvemento das actividades previstas dentro do programa de conciliación.

A iniciativa contempla unha compensación económica de 6 euros diarios por persoa, en concepto de dietas de desprazamento, pola realización dunha colaboración de 6 horas ao día.

As persoas interesadas en participar deberán dirixirse á OMIX para recibir máis información e tramitar a súa inscrición.

0.13747596740723