O venres 3 de maio terá lugar a XXIV edición do Correlingua

ACoruñaXa
Un milleiro de nenos e nenas participarán nesta nova edición da iniciativa que pretende manter moi viva a lingua galega entre as próximas xeracións
Imaxe da presentación do Correlingua na Coruña
Imaxe da presentación do Correlingua na Coruña
29 abr 2024

Este luns presentouse no Palacio Municipal de María Pita a XXIV edición do Correlingua, que terá lugar este vindeiro venres 3 de maio a partir das 11.00 horas. O evento reunirá a máis dun milleiro de alumnos e alumnas de 17 centros de toda a comarca da Coruña.

O acto de presentación estivo presidido polo concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, e responsable de Cultura, Gonzalo Castro. “Esta iniciativa ten unha grande importancia para o Goberno de Inés Rey pois permite manter moi viva a lingua galega entre as próximas xeracións, que gozan cada ano dunha xornada festiva que todos os nenos e nenas agardan con entusiasmo”, indicou Gonzalo Castro durante a rolda de prensa, na que tamén estiveron Celia Armas, responsable provincial da Asociación Correlingua, e Suso Bermello, representante de CIG Ensino, que xunto á Mesa pola Normalización Lingüística organizan este evento.

A xornada comezará o venres ás 11.00 horas desde a explanada do Palacio dos Deportes de Riazor. As e os participantes percorrerán o paseo marítimo ata chegar á Torre de Hércules, aproximadamente ás 12.30 horas. Haberá un escenario xunto á estatua de Breogán, onde se celebrará unha festa final na que participará a alcaldesa, Inés Rey, e haberá actuacións musicais e entrega de premios á mellor pancarta.

O XXIV Correlingua leva por lema ‘Dende aquí até acolá, galego xa!’ e conta cun cartel realizado pola ilustradora Xulia Pisón. O obxectivo desta xornada é o fomento do uso da lingua galega entre as xeracións máis novas, algo que se estende ao resto do ano con diferentes iniciativas levadas a cabo nos centros de ensino, como o Cantalingua, concurso de onde saen as formacións musicais que actuarán este venres na Torre.

 

Gonzalo Castro remarcou o compromiso do Goberno de Inés Rey co fomento do uso do galego na cidade, destacando a importancia de crear unha programación cultural plural e cun forte compoñente galego, así como en cuestións administrativas como a aprobación da ordenanza de uso do galego no Concello.