O turismo coruñés prepárase en Mariñán para a eclipse total de agosto

ACoruñaXa
A Deputación reuniu no Pazo de Mariñán a concellos e profesionais do sector para coordinar a resposta ante a chegada de visitantes o 12 de agosto
DIPU CORU eclipse mariñan
28 Apr 2026

A Deputación da Coruña celebrou este martes no Pazo de Mariñán, en Bergondo, unha xornada formativa dirixida ao sector turístico e aos concellos da provincia para preparar a eclipse total de sol do 12 de agosto. O fenómeno situará boa parte do territorio coruñés dentro da franxa de totalidade e podería atraer unha elevada afluencia de visitantes.

A sesión reuniu alcaldes, alcaldesas e persoal técnico de turismo de diferentes municipios, co obxectivo de analizar tanto as oportunidades como os retos organizativos asociados a un acontecemento astronómico excepcional. A Deputación puxo o foco na necesidade de anticiparse, ordenar a mobilidade e garantir unha resposta coordinada entre administracións, empresas e profesionais.

O vicepresidente provincial, Xosé Regueira, defendeu que o momento xa non pasa tanto por promocionar o destino como por organizar con responsabilidade os fluxos de visitantes. Segundo explicou, a prioridade debe estar na información rigorosa, na concienciación e na prevención para que a experiencia sexa segura e positiva.

Un dos principais desafíos será a mobilidade. Regueira advertiu da importancia de prever os desprazamentos que se producirán ese día, así como os posibles impactos sobre accesos, aparcadoiros, espazos de observación e servizos públicos. A seguridade e a saúde pública serán tamén dous dos eixos da planificación.

Durante a xornada abordáronse cuestións como a observación segura da eclipse, a capacidade de acollida dos diferentes territorios, a planificación de espazos e accesos, a creación de produtos turísticos específicos e as estratexias de coordinación territorial.

A Deputación lembrou ademais que estar dentro da franxa de totalidade non garante por si só unha boa visión do fenómeno. O Sol estará baixo no horizonte, polo que elementos como o relevo, a orientación ou os edificios poden condicionar a observación. Por iso, a divulgación práctica será clave para orientar á cidadanía e aos visitantes cara aos puntos máis axeitados.

A cita de Mariñán serviu así como punto de partida para reforzar a preparación da provincia ante unha xornada que combinará atractivo turístico, interese científico e un importante reto loxístico para os concellos coruñeses.

0.11784315109253