O TSXG rexeita a demanda da promotora e ratifica a compensación do Concello Culleredo por Villa Melania

ACoruñaXa
A promotora Landcompany 2020 SL pretendía aumentar a indemnización en 243.000 euros, pero o tribunal determinou que non hai enriquecemento inxusto do Concello e impúxolle as costas do proceso
Imaxe Vila Melania en Culleredo
14 Ago 2024

O proceso xudicial polo convenio urbanístico que supuxo en 2003 a cesión do pazo de Villa Melania, en Vilaboa, ao Concello de Culleredo da un paso máis. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestima o recurso de apelación contra a sentenza do Contencioso presentado pola empresa Landcompany 2020 SL ao que se opuxo o Concello.

A promotora pretendía co recurso elevar a compensación noutros 243.012 euros ao considerar que efectuou unha cesión previa de terreos para os accesos ao CEIP Sofía Casanova. No seu recurso defende que se trataba dunha parcela cunha superficie de 2.000 metros cadrados e unha edificabilidade de 1.200 metros cadrados, en virtude dun convenio asinado no ano 2000.

Porén, o Tribunal rexeita esta petición por varias cuestións. En primeiro lugar, a sentenza determina que o convenio de 2003 substituíu ao de 2000 ao que se refire a apelante. De feito, sinala que o de 2003 se asina para cumprir os compromisos adquiridos no do 2000.

En segundo lugar, a Sala considera que esa cesión de terreos para o CEIP non comporta un enriquecemento inxusto do Concello, senón que podería facelo da propia promotora se se lle estimase o recurso. A sentenza, tomando como referencia o informe pericial achegado polo Concello na súa contestación, sinala que na edificabilidade concedida no convenio de 2003 xa se incluían os mencionados terreos para o colexio.

Ademais, o informe pericial abunda en que esa parcela carecía de edificabilidade algunha xa que se correspondía con solo non urbanizable e de cesión para viarios no Plan Xeral, e conforme á Lei do Solo de Galicia xa ían ser usados para tal fin. Por iso, o Concello non pode compensar por algo que xa ía recibir.

Por todo isto, o TSXG desestima o recurso de apelación ao que se opoñía o Concello de Culleredo. “Non existe enriquecemento inxusto do Concello, nin a indemnización polo incumprimento do convenio de 2003 debe superar a cifra fixada pola sentenza de primeira instancia”, conclúe. O Tribunal impón as costas procesais de ata 1.000 euros á recorrente.

Sentenza inicial

Así, confírmase o ditame do Contencioso e o Concello de Culleredo aboará a cantidade de 1.244.423,95 por Villa Melania. Esta cifra era resultante da estimación parcial que facía o Xulgado da petición da demandante, que reclamaba 4.728.913 euros como indemnización, rebaixándoa aos mencionados 1,2 millóns.

O convenio en cuestión data do 18 de novembro de 2003, asinado polo exalcalde, Julio Sacristán, con Curto Promotores Inmobiliarios S.A. O texto incluía obrigas para ambas as partes. O Concello recibiría o pazo de Villa Melania e a súa zona verde para executar un espazo cultural e verde público e, ao seu tempo, entregaría dúas bolsas de solo con edificabilidade residencial.

Así, o Concello obtivo Villa Melania: a parcela número 2 do proxecto de reparcelación da UA-29, cunha superficie de 4.550 metros cadrados e unha edificabilidade de 6.145 metros cadrados. O seu obxecto foi desenvolver zonas verdes e un parque público, e tamén recibiu unha edificación ruinosa para a súa rehabilitación e uso como equipamento cultural, o antigo pazo.

En efecto, o Concello rehabilitou a edificación, abrindo alí a actual biblioteca, salón de actos, despachos, centro social e salas de reunións. E os espazos verdes exteriores. Actualmente, é un dos principais equipamentos municipais de Vilaboa.

Pola súa parte, o Concello entregou 8.700 metros cadrados de edificabilidade que se materializou na parcela número 1 do proxecto de reparcelación da UA-29 “Pazos de Vilaboa”. Este punto foi executado.

En segundo lugar, incluíase a entrega á empresa de solo urbano consolidado para unha edificabilidade de 10.298 metros cadrados nun edificio único residencial que se debía situar no contorno inmediato da avenida de Vilaboa. O informe do técnico redactor do PGOM de Culleredo en tramitación e dos servizos económicos municipais demostraron que o Concello non dispón da ordenación urbanística, nin do patrimonio municipal, para poder facer entrega dunha parcela na que o promotor poida materializar esa edificabilidade.

En canto á cantidade, o Xulgado determinou que o pago que debe realizar o Concello debe ser polo valor do solo cedido, é dicir, por Villa Melania. “Pero non desde logo o valor dos dereitos de edificabilidade que se contemplaban como prestación que se obrigaba o Concello de Culleredo na data do 18 de novembro de 2003”, estipulaba a sentenza. Por todo iso, a resolución xudicial limitou o abono a un 26% do que pedía a entidade demandante.

O goberno municipal, independentemente de que non concorde coa fórmula de convenios urbanísticos que se empregaba hai 20 anos por administracións locais, entende que é pertinente proceder a unha compensación económica por obter Villa Melania. É unha inversión en patrimonio municipal. O Concello recibiu un solo no corazón de Vilaboa co que puido recuperar un inmoble histórico e crear espazos públicos esenciais en virtude dun acordo, que en lugar da adquisición contemplou a compensación mediante edificabilidade ao titular dos terreos. Disporase ademais de máis posibilidades de edificabilidade para a futura ordenación urbanística.

0.15607500076294