O TSXG confirma a absolución do alcalde de Oleiros e do arquitecto técnico municipal polo derrubo das ruínas de Casa Carnicero

ACoruñaXa
O alto tribunal galego desestima o recurso da Fiscalía e ratifica a sentenza previa da Audiencia Provincial da Coruña, nun caso relacionado cun inmoble catalogado que ardeu en xullo de 2020
OLEIROS garcia seoane
16 Jan 2026

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a absolución do alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e do arquitecto técnico municipal José Luis Jares Vázquez polo derrubo das ruínas de Casa Carnicero. A Sala do Civil e Penal desestimou o recurso de apelación presentado polo Ministerio Fiscal contra a sentenza absolutoria ditada o 17 de setembro de 2025 pola Sección 2ª da Audiencia Provincial da Coruña, mantendo os feitos probados e concluíndo que non procede condena polos delitos formulados (contra o patrimonio histórico e, de forma subsidiaria, prevaricación). O fallo lembra tamén os límites de revisión dunha absolución en segunda instancia e indica que cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo, que debe prepararse no prazo de cinco días desde a última notificación.

A resolución xudicial enmarca o procedemento no incendio do 16 de xullo de 2020 no inmoble coñecido como Casa Carnicero, situado na avenida das Mariñas (número 395), incluído no catálogo de bens do plan urbanístico municipal como elemento B-28 e con protección 'non integral'. O edificio era de propiedade privada e, tras a tramitación de informes e actuacións vinculadas ao estado de ruína e ao risco de derrube, ditouse un decreto para iniciar o expediente de demolición e declarar a emerxencia. Segundo recolle a sentenza, o 31 de decembro de 2020 executáronse os traballos que derrubaron o que quedaba do inmoble tras constatarse desprendementos sobre a beirarrúa e a calzada.

Co pronunciamento do TSXG, Seoane aproveitou para cargar contra a oposición municipal. O rexedor sostén que PP, PSOE e BNG levaron cinco anos 'intoxicando a opinión pública' con insinuacións para danar a súa imaxe e apartalo da política, e interpreta o desenlace como a confirmación de que non había base penal e de que o obxectivo era 'eliminalo' da vida pública. Ademais, afirmou que tamén se viu afectado un empregado municipal, ao que cualifica de exemplar, e criticou o cuestionamento público do funcionario, que (segundo a súa versión) tivo consecuencias persoais e familiares.

No seu relato, o alcalde sitúa o inicio do proceso no BNG e vincúlao á denuncia presentada pola deputada Mercedes Queixas no Parlamento de Galicia. Tamén lembra que a documentación foi remitida á Fiscalía desde a Xunta de Galicia na etapa na que Alberto Núñez Feijóo presidía o Goberno autonómico e Diego Calvo tiña competencias en materia de Xustiza.

⚙ Configurar cookies
0.080390214920044