O Servizo Municipal de Emerxencias de Sada incorpora un novo camión para actuar no rural e en zonas de difícil acceso

O Servizo Municipal de Emerxencias de Sada reforzou a súa frota coa incorporación dun novo camión especializado para intervencións tanto no ámbito urbano como no rural. Trátase dun vehículo Iveco 4x4, equipado cun depósito con capacidade para 1.000 litros de auga, adquirido cun investimento superior aos 170.000 euros.
Segundo informou o Concello, o novo camión está deseñado para acceder con maior facilidade a zonas nas que os vehículos de maiores dimensións teñen dificultades para operar, especialmente nas parroquias rurais e en rúas estreitas do municipio.
Entre as súas principais funcións estará a primeira intervención en incendios forestais e agrícolas, permitindo unha resposta rápida nos primeiros momentos da emerxencia. Ademais, o vehículo está adaptado para colaborar na retirada de niños de avespa velutina e para realizar actuacións en espazos con acceso reducido, como poden ser A Tenencia, Fontán ou o Barrio dos Mariñeiros.
Coa incorporación deste novo medio, o Concello busca reforzar a capacidade operativa do Servizo Municipal de Emerxencias e mellorar os tempos de resposta ante situacións de risco, especialmente nas zonas rurais e nos puntos de máis difícil acceso do municipio.