O Senado mete presión sobre Losán a poucos días do límite do preconcurso

A Comisión de Industria e Turismo do Senado aprobou este 16 de abril, sen modificacións, a moción presentada polo PP para reclamar medidas urxentes que garantan a viabilidade do Grupo Losán, con plantas en Curtis e Vilasantar e co reloxo xa en contra antes de que remate o preconcurso de acredores o vindeiro 29 de abril. A iniciativa, rexistrada o 19 de marzo, saíu adiante co texto orixinal dos populares.
O texto aprobado reclama que a SEPI convoque de maneira urxente unha mesa de traballo institucional co consello de administración do grupo, os representantes do persoal e as administracións autonómicas afectadas. Ademais, pide ao Estado que avalíe e valide tecnicamente o plan de viabilidade, supervise o cumprimento dos compromisos ligados ás axudas públicas e active, se é preciso, os instrumentos de apoio previstos para empresas estratéxicas.
A moción tamén insiste en que o Goberno debe coordinar os ministerios competentes para recuperar a actividade produtiva, garantir o pagamento íntegro das nóminas pendentes e asegurar a continuidade do emprego en todas as plantas. No propio escrito presentado no Senado, o PP lembra que Losán é un grupo implantado en varias comunidades, con arredor de 2.000 empregos directos e cun peso especialmente relevante na contorna de Curtis, onde a actividade vinculada á empresa e a Aserpal sostén arredor de 800 postos entre directos e indirectos.
Durante o debate, a senadora popular Rosa Gallego defendeu que xa non hai marxe para máis dilacións e reclamou unha resposta inmediata ante a situación financeira e laboral do grupo. Pola súa banda, o PSOE presentou unha emenda de modificación na que apostaba por continuar impulsando os canais de comunicación entre a SEPI e a dirección de Losán para culminar a reestruturación da débeda, pero finalmente optou pola abstención e esa proposta non prosperou.
No escrito da moción, os populares subliñan tamén que Losán xa recibiu importantes apoios públicos, entre eles 35 millóns de euros do Fondo de Apoio á Solvencia de Empresas Estratéxicas xestionado pola SEPI e 19 millóns de euros en avais do ICO, ademais doutros instrumentos activados en Galicia. Para o PP, ese esforzo institucional obriga agora a unha coordinación efectiva que evite o colapso industrial e laboral da compañía.