O reparto de 2.000 gafas homologadas facilitará a observación segura da eclipse solar en Abegondo

O Concello de Abegondo iniciou o reparto de 2.000 gafas homologadas para que a veciñanza poida seguir con seguridade a eclipse solar total prevista para o próximo 12 de agosto, un fenómeno astronómico excepcional que poderá observarse desde Galicia.
As gafas están destinadas ás persoas empadroadas no municipio e poden recollerse gratuitamente na Casa do Concello ata esgotar existencias. A distribución realizarase cun límite dunha unidade por persoa inscrita e dun máximo de tres gafas por domicilio.
O Concello lembra que o uso de lentes homologadas é imprescindible para observar o Sol sen risco para a vista e insiste en evitar a utilización de métodos que non ofrezan garantías de protección.
Segundo a información facilitada polo Concello, a eclipse desenvolverase entre as 19.30 e as 21.20 horas. O momento de maior intensidade producirase entre as 20.25 e as 20.35 horas, mentres que a máxima ocultación do Sol está prevista entre as 20.28 e as 20.30 horas.
A campaña, baixo o lema 'A eclipse da túa vida', conta coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Abegondo, da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.