O rego con auga potable no campo de golf de Xaz volve enfrontar a Oleiros coa Xunta

ACoruñaXa
O Concello denuncia que, máis de catro anos despois da apertura da instalación, segue sen autorizarse o uso de augas residuais depuradas e cifra o consumo trimestral en máis de 38.500 metros cúbicos
OLEIROS campo de golf
4 May 2026

O Concello de Oleiros volve reclamar á Xunta de Galicia que desbloquee o uso de augas residuais depuradas para o rego do campo de golf de Xaz. O Goberno local asegura que, máis de catro anos despois da apertura da instalación, continúa sen poder empregarse o sistema previsto inicialmente, o que obriga a manter o consumo de auga potable da rede xeral.

Segundo o Concello, o uso de auga depurada fora unha das condicións fixadas no seu momento por razóns medioambientais, precisamente para evitar que unha instalación destas características dependese da rede ordinaria de abastecemento. A administración local atribúe a situación á falta de coordinación entre as consellerías de Medio Ambiente e Sanidade, unha circunstancia que, segundo sostén, impide activar a solución técnica prevista.

Mentres non se autorice ese sistema, o campo continúa empregando máis de 38.500 metros cúbicos de auga potable cada trimestre, cun custo económico estimado de 84.000 euros. De manterse ese ritmo durante todo o ano, o consumo superaría os 154.000 metros cúbicos e o gasto ascendería a arredor de 336.000 euros anuais.

O proxecto de Golf Xaz xa fora presentado antes da súa apertura como unha instalación preparada para reciclar auga residual e reducir o impacto sobre os recursos hídricos. Entre as infraestruturas previstas figuraban un lago de máis de 20.000 metros cúbicos de capacidade, destinado a recoller auga de chuvia e auga residual reciclada procedente da EDAR de Xubín, así como unha rede de case 40.000 metros de tubaxes para cubrir as necesidades de rego do percorrido.

Desde Oleiros lamentan os custos ambientais e económicos que, ao seu xuízo, está a provocar esta situación, e aseguran que volveron trasladar por escrito á Xunta a necesidade de resolver o expediente. O Concello insiste en que a medida permitiría reducir o consumo de auga potable e poñer en funcionamento un sistema que formaba parte das condicións ambientais vinculadas ao campo de golf.

0.11791396141052