O rap e a improvisación chegarán ás aulas da Coruña para combater o acoso escolar

O Concello da Coruña poñerá en marcha o luns o programa Freestyle People School, unha iniciativa desenvolvida coa Asociación Poten100mos que utilizará o rap, a improvisación e as artes urbanas para previr o acoso escolar e promover a convivencia nos centros educativos. A proposta chegará ao CEE María Mariño e ao CEIP Novo Mesoiro.
O proxecto busca traballar coa mocidade na prevención de dúas problemáticas presentes nas aulas: o ciberacoso e a violencia dixital, por unha banda, e a violencia de xénero e o acoso sexual entre adolescentes, pola outra. Para iso, empregará unha metodoloxía participativa que combina a creación artística, a educación emocional e a aprendizaxe entre iguais.
As actividades estarán impartidas por Freestyle People, o primeiro grupo de freestyle inclusivo formado maioritariamente por mozos e mozas con discapacidade intelectual e outros participantes en situación de vulnerabilidade social. A iniciativa conta co impulso da Asociación Poten100mos e Galos do Norte.
O programa contempla dez sesións en cada centro educativo entre novembro e maio, ademais dunha xornada de encontro conxunta entre os dous colexios no mes de xuño. O equipo encargado de desenvolvelo reúne experiencia nos ámbitos da educación, a inclusión social, a intervención con persoas vulnerables e a cultura freestyle.