O Rally Terra de Galicia poderá seguirse en directo este sábado a través de CuacFM Coruña

ACoruñaXa
A emisora oficial da proba ofrecerá desde as 08.30 horas a narración dos tramos, con conexións desde os puntos máis destacados da competición
A CORUÑA rally terra
3 Sep 2026

As comarcas coruñesas viven estes días unha das grandes citas do motor nacional. O Rally Terra de Galicia 2026, puntuable para o Campionato de España de Rallyes de Terra (CERT), desenvolverase entre o 2 e o 5 de setembro cun percorrido que levará a competición por varios municipios da provincia.

Carballo concentrará boa parte da actividade do rally, con espazos como o Parking do Pazo da Cultura e Rego da Balsa como puntos de referencia para equipos e afeccionados. Durante a mañá do venres, o Circuito La Base acollerá o Tramo de Calificación e o Shakedown.

Arteixo tamén terá un protagonismo especial nesta edición. As instalacións do Circuito José Ramón Losada serán escenario dos parques de pre-saída e da saída da segunda sección do venres 4 de setembro, prevista para as 18.00 horas.

A competición percorrerá tramos cronometrados nos municipios de Carballo, Coristanco, Arteixo, Cerceda, Tordoia, A Laracha, Malpica e Ponteceso, polo que os afeccionados terán diferentes puntos desde os que seguir a evolución dos participantes.

CuacFM levará o rally en directo aos afeccionados

Unha das opcións para non perder detalle da xornada será a emisión especial de CuacFM Coruña 103.4 FM, emisora oficial do rally. O equipo do programa SKPMotor estará en directo este sábado 5 de setembro desde as 08.30 horas, acompañando o desenvolvemento dos tramos e achegando a actualidade da competición aos oíntes.

A emisión poderá seguirse tamén a través do directo da emisora na súa páxina web, seleccionando a frecuencia Coruña 103.4 FM. Ademais, a sinal enlazará con Radio Cerceda 107.2 FM, ampliando así a cobertura da retransmisión.

A xornada do sábado comezará cedo, cun primeiro tramo en Coristanco ás 08.46 horas. Ás 09.36 horas será a quenda do tramo Malpica-Ponteceso, antes da segunda pasada por Coristanco, prevista para as 11.35 horas. Posteriormente, os participantes volverán a enfrontarse ao tramo Malpica-Ponteceso ás 12.25 horas.

Tras un descanso ao redor das 14.00 horas, a competición retomará a actividade pola tarde, a partir das 15.24 horas, con catro tramos máis. O percorrido incluirá Cerceda-A Laracha e Carballo, antes de chegar ao tramo final e á cerimonia de podium, prevista para as 20.30 horas no Parrote.

0.11918091773987