'O que nos une é a paixón por este deporte': falamos con Carlos Bou, presidente de Autocross Arteixo

ACoruñaXa
O presidente da entidade repasa a historia do Circuíto José Ramón Losada, o traballo do voluntariado e o reto de levar 'A Catedral' ao Campionato de Europa
ARTEIXO Carlos Bou, prsidente autocross
Imaxes de Daniel Atán Romar (@datanromar)
20 Jun 2026

No Circuíto José Ramón Losada o autocross é moito máis ca unha disciplina deportiva. É terra, velocidade, ruído, voluntariado, memoria e unha forma de entender o automovilismo que en Arteixo leva máis de catro décadas medrando arredor dunha mesma paixón. Carlos Bou, presidente de Autocross Arteixo, resume a esencia da entidade cunha idea sinxela: 'o que nos une é a paixón por este deporte'.

Para quen nunca se achegou a unha carreira, o autocross pode parecer só unha sucesión de coches levantando po sobre a pista. Pero detrás hai unha modalidade moi concreta, rápida e formativa. Bou defínea como 'unha disciplina de aprendizaxe', especialmente para pilotos novos que veñen do karting e que aínda non poden dar o salto aos rallys. A terra convértese así nunha escola na que gañar experiencia, aprender a controlar o coche e competir nun formato moi intenso.

A diferenza doutras probas do automovilismo, nas que a resistencia e as longas distancias teñen máis peso, en Morás todo se decide en poucos minutos. Primeiro dispútase unha sesión de clasificación para marcar tempos e despois chegan as mangas ao sprint, probas cortas nas que os pilotos teñen apenas unhas voltas para gañar posición e avanzar. 'Aquí xogas todo en cinco quilómetros', explica Bou.

Esa intensidade é unha das razóns polas que o público adoita engancharse cando ve unha carreira por primeira vez. En cada manga poden saír entre dez e quince vehículos, o que provoca moita acción en pista, adiantamentos constantes e unha sensación de espectáculo continuo. 'É unha manga, despois outra, outra e outra', resume o presidente. Entre as categorías que máis chaman a atención están as divisións 1 e 3, con coches de 500 ou 600 cabalos, tracción ás catro rodas e velocidades punta que poden chegar aos 140 ou 150 quilómetros por hora.

A actividade do Circuíto José Ramón Losada non se limita a unha única cita anual. Ao longo da tempada, Autocross Arteixo organiza dúas xornadas de adestramentos libres para pilotos con licenza, dúas probas do Campionato Galego, unha do Campionato de España, unha resistencia e tamén o Carreros Trophy. Esta última é unha carreira creada en Arteixo, cun formato propio que non se celebra noutros lugares e que mestura mangas invertidas, eliminacións por posición e diferentes elementos pensados para facer a competición máis atractiva. Segundo Bou, xa suma catro ou cinco edicións e adoita estar preto do límite de participantes, fixado en 60 pilotos.

Unha fin de semana de competición comeza moito antes de que o público ocupe as bancadas. No Campionato Galego, o traballo arrinca o venres; no Campionato de España, xa o xoves. Primeiro chegan as verificacións administrativas e técnicas, nas que se revisa a documentación dos pilotos, a dos vehículos e todos os elementos de seguridade. Despois comeza a parte deportiva, coas clasificacións, semifinais, finais e entrega de trofeos. Pero cando se apagan os motores aínda queda traballo. 'Despois evidentemente toca recoller todo o tinglado', sinala Bou, unha tarefa que pode prolongarse ata o luns ou mesmo ata a seguinte fin de semana.

A historia de Autocross Arteixo comezou no ano 1982. Desde aquela, a entidade pasou por tres circuítos diferentes. O primeiro estaba preto da praia de Sabón e tiña un carácter máis afeccionado. Despois chegou a etapa de Morás e, no ano 2000, o salto ao actual Circuíto José Ramón Losada. Para Bou, aquel cambio marcou un antes e un despois, sobre todo en materia de seguridade, instalacións e comodidade para o público.

O nome do circuíto mantén viva a memoria de José Ramón Losada, o presidente que máis anos estivo á fronte do club e unha figura fundamental para entender o crecemento da entidade. Foi quen impulsou o salto cara a un recinto mellor preparado e quen pelexou por unhas instalacións máis seguras. 'Foi o que sempre pelexou por ter un circuíto mellor en canto a seguridade', lembra Bou. Ese legado segue presente na maneira de traballar dos equipos directivos que chegaron despois, sempre coa idea de mellorar ano a ano desde a paixón polo deporte.

O trazado do circuíto é coñecido por moitos afeccionados como 'A Catedral'. O alcume naceu porque, cando se construíu, converteuse nunha referencia dentro do Campionato de España. Tiña instalacións pouco habituais noutros circuítos, con baños, oficinas, bancadas permanentes e unhas condicións de seguridade que o situaron entre os recintos punteiros. 'Foi pioneiro no Campionato de España en ter este tipo de instalacións', explica o presidente de Autocross Arteixo.

Un dos grandes atractivos do circuíto actual é a súa visibilidade. Desde practicamente calquera punto das gradas, o público pode seguir case toda a carreira. É posible perder unha curva concreta, pero sempre se ve o que está a pasar na pista. Esa característica fai que a experiencia sexa especialmente agradecida para quen acode por primeira vez, porque permite entender a competición, seguir as loitas entre pilotos e vivir a carreira con proximidade.

Para os pilotos, gañar en Arteixo ten ademais un valor simbólico. Na entrada do circuíto está o coñecido muro dos campións, no que cada vencedor deixa a súa man marcada no barro, acompañada do ano e da categoría na que gañou. É unha pegada física e emocional na historia do circuíto. 'Gañar en Arteixo queda aí no recordo para sempre', di Bou. O espazo, recoñece, terá que ampliarse. 'Bendito problema', engade, porque significará que as carreiras continúan e que a historia segue medrando.

Ese crecemento só é posible grazas a un traballo que moitas veces non se ve. Antes de cada proba hai que cortar a herba, revisar bancadas, pintar, regar a pista, comprobar instalacións e preparar cada detalle para que todo funcione. A directiva actual está formada por oito persoas, pero nunha proba do Campionato de España poden chegar a reunirse arredor de 120 persoas traballando entre técnicos, comisarios, equipos de rescate, seguridade, organización e voluntariado.

Bou insiste en que Autocross Arteixo funciona grazas a esa rede humana. Hai xente nas torres, nos coches de rescate, nas taquillas, na pista e en cada punto necesario para que a competición saia adiante. 'Aquí a xente vén por paixón e polo bocadillo', di o presidente, consciente de que boa parte dese esforzo é desinteresado. Por iso fala da entidade como unha familia. Non é só unha maneira de dicilo: é a forma na que se sostén o circuíto.

O ambiente familiar tamén se percibe no paddock e nas gradas. Moitos equipos reservan espazo porque comparten comida, mecánicos, amizades ou vínculos familiares. O público, en boa medida, está formado por familias que acompañan aos seus pilotos e por afeccionados fieis que repiten ano tras ano. Ese clima fai que o José Ramón Losada sexa algo máis ca un recinto deportivo: é un punto de encontro para a xente que vive o motor desde dentro.

A seguridade é unha das grandes prioridades da entidade. Mesmo nas xornadas de adestramentos libres, toda actividade está amparada pola federación e conta con seguros, ambulancias, servizos de emerxencia e os medios necesarios. Para competir é obrigatorio ter licenza, superar as verificacións e utilizar os elementos de protección correspondentes. 'A seguridade é o máis importante', subliña Bou.

O relevo xeracional é outro dos retos do automovilismo. Carlos Bou recoñece que no conxunto das organizacións non sempre resulta doado incorporar xente nova, pero en Arteixo conseguiron manter un grupo activo e relativamente novo. A directiva actual ten oito integrantes e o maior deles ten arredor de 50 anos. Ademais, moitas persoas que estiveron á fronte no pasado seguen vinculadas ao circuíto noutras funcións, desde a seguridade ata o rescate ou o apoio organizativo.

O propio recinto tamén encara unha etapa de renovación. Bou utiliza unha imaxe moi clara para explicalo: 'Tíñamos un Ferrari hai 20 anos e agora necesita ir reformándose'. As instalacións seguen sendo boas, pero precisan mantemento, actualizacións e pequenas melloras. Nas últimas tempadas xa se cambiou a madeira das bancadas e a intención é seguir renovando o circuíto pouco a pouco, sen perder a esencia que o converteu nun referente.

O gran obxectivo agora é Europa. Autocross Arteixo leva arredor dun ano e medio traballando para que o Circuíto José Ramón Losada poida acoller unha proba do Campionato de Europa. O proceso xa pasou unha primeira visita deportiva con valoración favorable e entra agora nunha fase clave: a homologación por parte da Federación Internacional de Automobilismo. Un homologador deberá indicar que condicións de seguridade hai que mellorar para que o circuíto poida dar ese salto.

Para a entidade, entrar no calendario europeo sería tocar o teito da disciplina. No autocross non hai Campionato do Mundo, polo que o Campionato de Europa representa o máximo nivel posible. 'Sería pechar este círculo co que empezamos no ano 82', afirma Bou. Tamén sería situar Arteixo entre unha ducia de sedes continentais e levar o nome do circuíto a un escaparate internacional.

O impacto, ademais, iría máis alá do deportivo. Nas probas do Campionato de España xa se crea nos boxes unha especie de pequeno cámping con equipos, caravanas, familias e mecánicos que compran, cean e se aloxan no municipio. Unha cita europea podería atraer pilotos, prensa e afeccionados doutros países, con estadías máis longas pola loxística dos desprazamentos. 'Para o pobo de Arteixo sería un gran salto', defende o presidente, tanto en promoción como en repercusión económica para hostalería, supermercados e aloxamentos.

Autocross Arteixo confía en contar co apoio institucional e cos colaboradores habituais para afrontar as melloras que poida esixir a homologación. Bou destaca que o Concello mostrou interese no proxecto e agarda que as adaptacións necesarias poidan asumirse para facer realidade unha aspiración que a entidade leva tempo perseguindo.

Mentres ese futuro europeo se constrúe paso a paso, a actividade continúa. O vindeiro 27 de xuño o circuíto acollerá unha nova proba do Campionato Galego, unha cita que o presidente aproveita para recomendar a quen aínda non coñece o autocross. 'É unha xornada para pasar o día en familia e coñecer este deporte', anima.

0.1270740032196