O PSOE pide mellorar a iluminación e os accesos do novo aparcadoiro de Sinforiano López

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo reclamou ao goberno local que complete o acondicionamento do novo aparcadoiro público situado entre as rúas Sinforiano López e Guerra da Independencia, despois da súa recente apertura.
A formación valora que o Concello habilitase finalmente este espazo como estacionamento, unha medida que, segundo lembra, viña reclamando desde 2023 para aliviar os problemas de aparcadoiro na zona. Con todo, advirte de que o recinto presenta aínda deficiencias que deben ser corrixidas para garantir un uso seguro e cómodo por parte da veciñanza.
O voceiro socialista, Martín Seco, sinala especialmente a falta de iluminación no aparcadoiro, unha carencia que, ao seu xuízo, xera sensación de inseguridade para as persoas que deixan ou recollen o vehículo en determinadas horas do día.
O PSOE tamén alerta do estado do acceso cara á avenida de Fisterra. Segundo a formación, o desnivel existente non foi adaptado correctamente e, coa choiva, a entrada ás vivendas da zona acumula terra e lama. Os socialistas consideran que esta situación afecta á limpeza, á seguridade peonil e á imaxe do espazo público.
A agrupación reclama ademais unha conexión peonil axeitada que aproveite a beirarrúa existente e permita ás persoas usuarias saír do aparcadoiro a pé pola avenida de Fisterra sen ter que atravesar zonas en malas condicións.
Seco sostén que o Concello debe rematar a actuación con criterios de seguridade e salubridade. 'Non se pode ter aos veciños aparcando ás escuras e camiñando entre a lama', afirmou o voceiro socialista, que pide ao executivo local que corrixa os problemas detectados canto antes.