O PSOE denuncia a falta de médicos nos centros de saúde do interior da comarca de Betanzos

ACoruñaXa
A deputada Silvia Longueira reclama á Xunta unha solución para Curtis e outros municipios como Coirós, Irixoa e Aranga, onde asegura que os pacientes quedan cada vez con máis frecuencia sen facultativo
COIRÓS centro de saúde
Centro de saúde de Coirós
6 Nov 2026

A falta de médicos nos centros de saúde do interior da comarca de Betanzos volveu chegar ao Parlamento galego. A deputada socialista Silvia Longueira reclamoulle á Xunta que adopte medidas para garantir a atención sanitaria en municipios como Curtis, onde, segundo denunciou, se viviu un dos veráns 'máis caóticos' pola falta de persoal.

Durante a súa intervención nunha comisión parlamentaria, Longueira advertiu de que cada vez é máis habitual que os veciños acudan ao seu centro de saúde e non atopen ningún médico dispoñible. A situación, segundo sinalou, non afecta unicamente a Curtis, senón que tamén se produce noutros municipios da zona, como Coirós, Irixoa e Aranga. Nalgúns momentos, asegurou, pode coincidir que non haxa facultativos en ningún dos seus centros de saúde.

A deputada puxo o foco no avellentamento da poboación do interior da comarca e nas dificultades engadidas que supón a chegada de episodios de temperaturas extremas e da tempada de gripe durante o inverno. Na súa opinión, estas circunstancias fan aínda máis necesario garantir a asistencia sanitaria.

Reclaman unha solución á Xunta

Longueira afirmou que a falta de médicos está a xerar preocupación entre os veciños, que non saben se atoparán un facultativo no seu centro de saúde ou a onde deben acudir para recibir atención. Tamén sinalou que algúns cupos de pacientes xa superan as 1.300 persoas.

A parlamentaria socialista recoñeceu as dificultades para cubrir as prazas pola falta de profesionais, pero lembrou que lle corresponde á Xunta buscar alternativas para evitar que a poboación quede sen asistencia médica. 'Non pode ser que non a haxa', advertiu.

0.15215516090393