Irixoa pode quedar varios días sen médico polas ausencias sen cubrir no centro de saúde

ACoruñaXa
Os socialistas reclaman á Xunta que cubra as baixas e vacacións do facultativo e alertan de que o municipio pode permanecer varios días sen atención médica
Imaxe do centro de saúde de Irixoa
25 Jun 2026

O PSdeG de Irixoa denunciou este xoves a falta de cobertura das ausencias do médico do centro de saúde do municipio e reclamou á Xunta de Galicia que garanta a substitución do facultativo cando se atope de vacacións, de baixa ou non poida prestar servizo.

A voceira socialista no Concello, María José Cal Álvarez, asegura que esta situación se vén repetindo desde hai tempo e considera que está a provocar importantes prexuízos á veciñanza. Segundo explica, cando o médico titular non está dispoñible, en moitas ocasións non se envía ningún profesional para substituílo e, cando si se fai, a cobertura limítase a apenas unhas horas.

A concelleira afirma que esta situación provoca que o municipio poida permanecer dous, tres ou máis días sen atención médica presencial, obrigando aos pacientes a desprazarse a outros centros sanitarios ou a aprazar as súas consultas.

Desde o grupo socialista consideran que esta problemática é consecuencia da falta de persoal na sanidade pública e enmárcana dentro do que cualifican como un progresivo deterioro da atención sanitaria nos concellos do rural. Por iso, reclaman á Consellería de Sanidade que adopte as medidas necesarias para garantir a asistencia médica continuada en Irixoa.

María José Cal insta á Xunta a ofrecer unha solución estable que evite que as ausencias do persoal médico deixen sen cobertura sanitaria aos veciños e veciñas do municipio.

0.13902592658997