O PSOE de Curtis reclama estudar a creación dunha Policía Local tras os últimos roubos en vivendas

A seguridade cidadá volveu situarse no centro do debate político en Curtis tras os últimos roubos rexistrados en vivendas do municipio, entre eles dous asaltos en Teixeiro. Neste contexto, o PSOE de Curtis reclama ao goberno local que estude a creación dunha Policía Local para reforzar a seguridade e mellorar a atención á veciñanza.
O secretario xeral dos socialistas en Curtis, Fernando Rey, considera que o municipio conta con poboación, capacidade económica e extensión territorial suficientes para dispoñer deste servizo. Ao seu xuízo, a existencia de dous núcleos urbanos, Curtis e Teixeiro, xunto coa actividade comercial, hostaleira e de servizos e a presenza dun importante polígono industrial, xustifican estudar esta posibilidade.
A proposta socialista coincide coa preocupación manifestada polo Concello ante os últimos roubos. O goberno municipal anunciou que levará ao pleno de decembro unha iniciativa para volver reclamar ao Goberno central un reforzo dos efectivos da Garda Civil en Curtis. O Concello considera necesario aumentar a presenza e visibilidade dos axentes tanto nas dúas vilas como nas parroquias, co obxectivo de reforzar o seu labor disuasorio.
O PSOE defende que a Garda Civil non substitúe a Policía Local
Os socialistas apoian que se incrementen os efectivos da Garda Civil, pero sosteñen que esta medida non exime o Concello de asumir as súas propias responsabilidades en materia de seguridade municipal.
Neste sentido, o PSOE lembra que unha Policía Local pode desempeñar funcións relacionadas coa regulación do tráfico, a vixilancia dos espazos públicos, a colaboración en eventos, o cumprimento das ordenanzas municipais, a seguridade viaria e a atención de proximidade á cidadanía.
Unha proposta para estudar a súa viabilidade
Fernando Rey propón que o Concello encargue un estudo técnico, económico e organizativo que permita analizar as posibilidades reais de implantar este servizo en Curtis. A formación considera que a análise debe servir para valorar os recursos necesarios e as funcións que podería asumir o corpo.
'Curtis necesita un goberno que pense no futuro e que planifique os servizos que demandará o municipio nos próximos anos. Non podemos limitarnos a xestionar o día a día. Chegou o momento de actuar con responsabilidade e comezar a construír as ferramentas que garantan unha maior seguridade e unha mellor atención á nosa veciñanza', conclúe Fernando Rey.