O PSOE de Carral propón entradas nominais e venda en liña para reforzar o control na piscina municipal

O PSOE de Carral vén de propoñer ao Concello novas medidas de control no acceso á piscina municipal despois dos episodios de comportamento incívico que obrigaron ao peche temporal da instalación.
A formación socialista defende que as entradas pasen a ser nominais e que exista a posibilidade de mercalas a través de internet, co obxectivo de axilizar o acceso e mellorar a seguridade do recinto.
Segundo trasladan desde o grupo municipal, identificar ás persoas usuarias permitiría actuar con maior eficacia ante calquera incidencia, desde unha emerxencia que obrigue a evacuar ata a necesidade de contactar con asistentes por motivos sanitarios ou de seguridade.
O PSOE considera, ademais, que este sistema podería ter un efecto disuasorio fronte a condutas incívicas, ao facilitar a identificación das persoas que incumpran as normas da piscina.
A voceira socialista xa trasladou esta proposta por vías informais ao técnico de Deportes e ao concelleiro responsable da área, dada a urxencia da situación e a proximidade da tempada de maior afluencia.