O PSOE de Arteixo urxe ao Concello medidas contra o aumento de delincuencia en Meicende

ACoruñaXa
A portavoz socialista, Ana Cedeira, relata que o núcleo de Meicende está a vivir “un dos seus peores momentos polo incremento da delincuencia” polo que ademais do aumento da presencia policial, son necesarias actuacións urbanísticas e de mellora do mobiliario urbano e a iluminación
Imaxe do Polígono A Artística en Arteixo
Imaxe do Polígono A Artística en Arteixo
27 feb 2024

O grupo socialista de Arteixo urxe ao alcalde, Carlos Calvelo, a tomar medidas contra o aumento de delincuencia en Meicende e solicitar a cesión da parcela ocupada na Artística aprobada no pleno anterior.

A portavoz socialista, Ana Cedeira, relata que o núcleo de Meicende está a vivir “un dos seus peores momentos polo incremento da delincuencia” polo que ademais do aumento da presencia policial, son necesarias actuacións urbanísticas e de mellora do mobiliario urbano e a iluminación. “As administracións deben loitar contra o incremento dos puntos de venta de estupefacientes que afectan á seguridade e convivencia da veciñanza” engade Cedeira.

“Os habitantes dos barrios das Eiras e O Petón están fartos desta situación e denuncian o que están a vivir as súas familias,” sinala a portavoz dos socialistas, “sobre todo trala ocupación dunha parcela do polígono da Artística que é propiedade da Xunta de Galicia, onde se levan a cabo actividades ilícitas.”

“Por iso é prioritario coñecer que iniciativas ten levado a cabo o goberno local dende o mes pasado para conseguir a cesión da parcela da Xunta que ten previsto arranxala para poñela á venda” engade a concelleira socialista.