O PSOE de Arteixo reclama solucións aos problemas de mobilidade no municipio

ACoruñaXa
Os socialistas recollen as queixas da veciñanza sobre o servizo insuficiente e o descontrol reiterado dos horarios da compañía concesionaria
Imaxe dunha parada de autobús en Arteixo
4 Ago 2024

O grupo municipal socialista de Arteixo levará ao pleno de agosto as queixas da veciñanza ante o mal funcionamento de servicio de autobús no concello.

Martín Seco, portavoz do grupo socialista, expón que nos últimos tempos hai un incumprimento reiterado dos horarios que producen tempos de espera dos usuarios de máis dunha hora. “A veciñanza quéixase de que non se  respectan os horarios establecidos na web, que en ocasións o bus pasa 15 minutos antes da hora, ou que teñen que esperar máis de 50 minutos” explica.

O concelleiro socialista tamén sinala que “está demostrado que o servizo é insuficiente” porque en moitas ocasións “os buses que continúan a Carballo van completos en na parada de Marineda pasan sen deterse”

Os socialistas argumentan que nos últimos anos o crecemento da  demanda de transporte público é progresivo polo que é imprescindible mellorar a mobilidade e polo tanto a calidade de vida da veciñanza de Arteixo. “Hai que recordar que o propio alcalde presumía a principios deste ano de que o servizo de autobuses interparroquiais de Arteixo acadara un total de 100.412 usuarios en 2023, 24.137 máis que no ano anterior” engade Seco,  o que supón un incremento do 31,6%.

“O goberno local debe esixir á empresa concesionaria o cumprimento dos horarios” remata Martín Seco,” así como mellorar as frecuencias, as paradas e as diferentes rutas que recorren o concello para adaptalo á demanda actual”.

 

0.16334795951843