O PSOE de Arteixo levará ao Pleno o desmantelamento da pista multixogo do Centro de Saúde

ACoruñaXa
O goberno municipal planifica construír unha nova pista preto do Parque Central despois de desmantelar a construída no 2014 na contorna do Centro de Saúde cun orzamento perdido de 50.000 euros
Imaxe do proxecto da nova pista multixogo de Arteixo
Imaxe do proxecto da nova pista multixogo de Arteixo
27 mar 2024

Os socialistas arteixáns informan de que pedirán explicacións no pleno de marzo sobre o desmantelamento da pista multixogo na contorna do Centro de Saúde na que o Concello investiu preto de 50.000 euros no 2014.

A portavoz do grupo municipal socialista no Concello de Arteixo, Ana Cedeira, explica que o funcionamento desta zona de lecer para a xente xoven “foi un auténtico desastre”, sen que o goberno local “fose quen de xestionala súa apertura e uso” e hai uns meses o goberno local anunciou que a desmantelaría para instalar outra preto do Parque Central a poucos metros da anterior cun gasto de case 150.000 euros.

“Os socialistas reclamamos saber cales foron os estudos que levou a cabo o goberno local para instalar no 2014 a pista multixogo agora desmantelada e cal foi o motivo do seu peche” continua Cedeira, e demandan saber “quen se vai facer responsable no goberno local das decenas de miles de euros tirados na primeira instalación”.

Deslintes con Culleredo e A Coruña

Por outra banda, unha vez que o Concello de Arteixo aprobou o prego para a contratación do PXOM, os socialistas de Arteixo argumentan que “seguen sen ter novas de que está a facer o goberno municipal para pechar o deslinde cos concellos de Culleredo e A Coruña”

“No Grupo Municipal Socialista vemos como o grupo de goberno fala de planificación estratéxica, algo esencial para o futuro de Arteixo” explica a voceira socialista, “ao tempo que descoñecemos a existencia dos traballos para realizar o deslinde cos concellos limítrofes, indispensables para esa planificación estratéxica da que presume o alcalde“
Cedeira insiste en que 13 anos despois de que o actual alcalde considerase prioritarios eses documentos e de “facer unha campaña electoral para chegar á alcaldía moi ligada á necesidade de que existisen entre o núcleo de Meicende e a cidade herculina” non hai noticias de que o goberno local mantivese comunicación cos concellos veciños “e temos constancia de ámbolos dous concellos están dispostos a sentarse a negocialo”.

Por todo isto, o Grupo Socialista no Concello de Arteixo demanda saber cales foron as iniciativas que levou a cabo o goberno local para finalizar o deslinde co concello de Culleredo e negociar o deslinde coa cidade da Coruña.