O PSOE de Arteixo insta ao goberno local a solicitar á Xunta unha residencia de maiores

ACoruñaXa
Os socialistas denuncian que a única residencia de maiores do concello, construída pola Fundación Amancio Ortega, non cubre as prazas que se precisan para atender a necesidade real de Arteixo
Proposta do PSdeG de Arteixo para unha nova residencia de maiores no norte do concello
Proposta do PSdeG de Arteixo para unha nova residencia de maiores no norte do concello
23 feb 2024

O grupo municipal socialista de Arteixo leva a pleno unha moción na que instan ao goberno local a construír unha nova residencia de maiores na zona norte do Concello para cubrir a demanda real existente en Arteixo.

A portavoz do grupo municipal socialista de Arteixo, Ana Cedeira, explica que “tivemos que esperar demasiados anos para ter a primeira residencia de maiores e centro de día públicos. Unha residencia que finalmente chegou por unha iniciativa desinteresada da Fundación Amancio Ortega que levou a cabo a súa construción nunha parcela cedida polo concello sen que a Xunta de Galicia, administración competente nesta materia fixese nada ata o día de hoxe”.

Os socialistas expoñen que a residencia construída pola Fundación Amancio Ortega non cubre as prazas que se precisan para atender a necesidade real de Arteixo, que xera unha lista de agarda importante, o traslado dos solicitantes a poboacións lonxanas ou pagar residencias privadas a prezos inasumibles para moitas familias.

“Arteixo é un concello con forte capacidade de investimento e un orzamento elevado que o goberno local debe utilizar para dar calidade de vida á nosa veciñanza” argumentan os socialistas arteixáns e indican que na planificación municipal debe ser prioritario “o benestar dos nosos maiores, a súa atención sanitaria, a mobilidade e seguridade no noso rural así comoa comunicación desta cos entornos urbanos e espazos de lecer”, recalcou a voceira socialista.

Pero sobre todo, incide Cedeira, “a atención a aqueles que necesitan da administración para a súa vida diaria”, como un bo servizo de axuda no fogar e prazas suficientes en residencias e centros de día para quen o precisa. “Haberá que recordarlle ao alcalde ás súas palabras no pleno de composición da actual corporación en xuño de 2023” engade a voceira socialista, cando dixo que a súa xestión “pivotaría sobre a acción social, as infraestuturas, a promoción económica e a gobernanza”, e que “as posibilidades de Arteixo eran ilimitadas”. “É o momento de escoitar aos moitos veciños e veciñas de Arteixo que están a recoller firmas pedindo esta residencia e cumprir esas promesas.”

O PSdeG-PSOE de Arteixo apunta que eles recolleran no seu programa electoral a construción dunha nova residencia de maiores na parte norte do concello e Ana Cedeira insiste en que “esta debera de ser unha das actuacións prioritarias para o goberno local” polo que o goberno municipal debe instar á Xunta de Galicia” que é quen ten as competencias na materia para facelo”, a facer esta infraestrutura tan necesaria “que non pode esperar máis”, ou facela con fondos propios, “que os ten” sinala a concelleira socialista.