O PSOE de Arteixo denuncia a falta de mantemento e infraestrutura nos espazos públicos do Concello

ACoruñaXa
Sinalan que moitos dos parques e áreas de lecer non están dotados de baños públicos, fontes de auga potable, espacios de sombra ou alumeado
Imaxe do parque de Monticaño en Arteixo
27 Ago 2024

O grupo municipal socialista de Arteixo fará unha consulta no próximo pleno para saber se o goberno do PP ten plans para mellorar as infraestruturas dos parques e áreas de lecer do concello. Os socialistas sinalan que moitos destes espazos carecen de baños públicos, fontes de auga potable, zonas de sombra e iluminación adecuada.

O portavoz do grupo, Martín Seco, critica que “de nada serve inaugurar novos espazos se non están equipados coas infraestruturas necesarias e carecen de mantemento axeitado”. Segundo Seco, tanto os espazos de lecer existentes como os novos “presentan un estado de conservación deficiente e carecen dos servizos necesarios para a cidadanía”.

Seco ofrece varios exemplos para ilustrar a situación. No parque de Monticaño, non hai baños nin fontes; o paseo fluvial de Arteixo tamén carece de baños, a pesar das peticións veciñais; o Parque do Seixedo e o novo parque na Travesía de Meicende non contan con fontes de auga potable; o parque infantil ao outro lado da pasarela do Parque do Seixedo carece de sombras, iluminación e fontes; o parque infantil no centro médico de Vilarrodís tamén está sen sombras e fontes; e o espazo na rúa dos Baños carece de infraestrutura e utilidade.

Seco subliña a importancia de que os espazos públicos de lecer en Arteixo non só se creen, senón que tamén se manteñan e se doten dos servizos necesarios para garantir un uso adecuado e satisfactorio para toda a veciñanza.

0.14735507965088