O PSOE acusa a Alternativa dos Veciños de desaproveitar a convocatoria estatal para reparar máis infraestruturas en Oleiros

O PSdeG de Oleiros cargou contra o Goberno municipal de Alternativa dos Veciños pola xestión da convocatoria estatal destinada á recuperación de infraestruturas danadas polos temporais. Os socialistas consideran que o Concello desaproveitou a oportunidade ao solicitar financiamento unicamente para a actuación prevista no noiro da praia do Naval, cando as bases permitían presentar diferentes proxectos.
A crítica chega despois de que o pleno extraordinario aprobase a solicitude dunha subvención de 311.780 euros para completar a reparación da zona afectada polos desprendementos na contorna da praia do Naval.
Segundo o PSOE, o Executivo local dispuxo de varias semanas para preparar máis actuacións susceptibles de recibir financiamento estatal. Os socialistas afirman que o propio alcalde advertira en distintas ocasións dos danos provocados polas intensas choivas en diferentes infraestruturas municipais e consideran que deberían terse presentado máis proxectos.
A pesar das críticas, o grupo socialista explica que votou a favor da solicitude por considerar que a reparación do noiro é necesaria, aínda que cualifica de 'irresponsable' a forma na que, ao seu xuízo, o Goberno local xestionou esta convocatoria.
Na súa valoración política, o PSOE sostén que a decisión evidencia a falta de planificación do Executivo municipal e critica tamén a contratación dunha asistencia técnica para a captación de fondos públicos, ao considerar que non se aproveitou plenamente esta convocatoria.